Mobilización Queremos Galego na administración local de Cee!

QueremosGalegoCee
(Álex López, responsable da Mesa pola Normalización Lingüística na Costa da Morte, leu o Manifesto. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
Reproduzo deseguida a informavión do dixital Que pasa na costa arredor da mobilización Queremos Galego na administración local de Cee!, que tivo lugar ao mediodía de onte, domingo 15 de novembro, ás portas do Concello de Cee e na que deu lectura a este Manifesto, que aínda sen pode asinar aquí no portal de A Mesa pola Normalización Lingüística e que a esta hora suma máis de duascentas sinaturas.
Velaquí a crónica:
Arredor dun centenar de persoas achegáronse nesta mañá do sábado ás portas do Concello de Cee para berrar en alto iso do «Eu quero Galego». As pancartas da Mesa pola Normalización Ligüística, convocante do acto, e dunha mesa redonda na tarde deste luns 16 de novembro, esixiron a aprobación do regulamento municipal que impulsa o uso do galego no Concello de Cee ademais de solicitar a dimisón do concelleiro do PSOE en Cee, Modesto Rivas.
Todo trala polémica suscitada a semana pasada cando o PSOE convencía a PP e Ciudadanos de pedir un informe xurídico sobre a normativa presentada polo alcalde de IxCee.
Foi Álex López, responsable da Mesa na Costa da Morte, o que leu o manifesto de Miro Villar asinado por unha ampla representación social, sindical, comercial e veciñal da zona. Ademais, o presidente da asociación en defensa do galego, Marcos Maceira, chamou a respectar a lingua e a cumprir nos concellos a cativa lexislación lingüística vixente. «O galego precisa protección. Só hai que ver as diferenzas que ten respecto ao español, que conta con perto de medio milleiro de disposicións legais que obrigan ao seu uso», sinalou, «as poucas disposicións normativas coas que conta o galego non se cumpren».
Marcos Maceira insistiu en pedir a dimisión para o concelleiro do PSOE, por «fomentar e defender o odio e o supremacismo lingüístico e de xénero». «O que dixo Modesto Rivas non se pode consentir nunha sociedade democrática, máxime no caso dun representante do pobo», salientou.
Fonte: Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)

Esta entrada foi publicada en Lingua, Manifestos, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.