Mistérios de Lisboa



A tarde pasado 20 de novembro decidín esquecer que era día de xornada electoral (xa votara pola mañá arrodeado de vellas e vellos que só collían papeletas do PP e xa se ventaba o que ía suceder) e decidín botar unhas horas no cinema, máis de catro para sermos exactos. En efecto, no Salón Teatro desde as seis até pasadas as dez e media da noite, cunha breve pausa, ollei con agrado as dúas partes de Mistérios de Lisboa, do chileno Raúl Ruiz (que morreu o pasado 19 de agosto) e que foi Cuncha de Prata ao mellor director en Donostia. O filme atópase completo na rede e se tedes vagar xa o podedes visionar en versión orixinal e sen o absurdo de contar con lendas ou subtítulos en castelán, como se proxectou en Cineuropa. Desta volta o meu interese estaba acrecentado por se tratar da versión cinematográfica da novela ou romance que co mesmo título publicara Camilo Castelo Branco. Non me defraudou, malia non coñecer o texto, pois as miñas lecturas de Castelo Branco redúcense a Amor de perdição. Alén diso, antonte no diario portugués Público (non confundir co madrileño Público, que tanto fai pola difusión do bo cinema) puiden ler esta nova que engade aínda outra boa razón para ver a película e que principia así:
«O muito aplaudido Mistérios de Lisboa, do realizador Raúl Ruiz, que morreu em Agosto, foi nomeado em três categorias do Satellite Award, prémios da Internacional Press Academy dos Estados Unidos. As nomeações incluem a categoria de melhor filme estrangeiro».

Esta entrada foi publicada en Cinema, Historia, Lingua. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Mistérios de Lisboa

  1. Pingback: As crebas » Mistérios de Lisboa, de Raul Ruiz e A árbore da vida, de Terrence Malick, acadan novos premios da crítica

Os comentarios están pechados.