Mensaxe de Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO, co gallo do Día Mundial da Poesía, 21 de marzo de 2020 (Versión galega)

Máis unha vez, neste 21 de marzo do 2020, no vinte e un aniversario do Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da Mensaxe da súa Directora Xeral, Audrey Azoulay. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. A Mensaxe, que inclúe citacións literarias de Franz Kafka ou de John Felstiner, inclúe uns verso do primeiro poeta mapuche candidato ao Nobel de Literatura, Elicura Chihuailaf. Velaquí.

Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, co gallo do Día Mundial da Poesía de 2020 (Versión galega)

Retomando o fío das palabras do novelista Franz Kafka, cando escribiu que “Un libro debe ser o machado que fenda o mar conxelado no noso interior”, John Felstiner, profesor de Stanford, pregúntase no título do seu libro: Pode a poesía salvar a Terra?

“Por que apelar aos praceres da poesía cando chega o momento de responder cun envite? A resposta empeza polo individuo: é o individuo quen fala polos poemas e a quen os poemas falan. Do noso interior, un a un, pode xurdir a vontade de actuar. Xa que somos o receptor da beleza e da forza dos poemas, temos a oportunidade de recoñecermos e alixeirarmos a pegada que deixamos nun mundo onde só a naturaleza ten unha importancia vital.”

A orquestración das palabras, o colorido das imaxes e a contundencia dunha boa métrica outórganlle á poesía un poder sen parangón: o poder de extraernos do cotián para lembrarnos a beleza que nos rodea e a resistencia do espíritu humano.

Este ano, no que poñemos punto final ao Decenio das Nacións Unidas sobre a Diversidade Biolóxica e inauguramos o Ano Internacional da Sanidade Vexetal das Nacións Unidas, a UNESCO rende tributo a poetas do pasado e do presente que loitaron e loitan pola diversidade biolóxica e a conservación da natureza.

Aínda que a protección da diversidade biolóxica é un tema que apenas agora empeza a calar na sociedade, os poetas levan milleiros de anos animando o lector a apreciar a beleza do mundo natural. O amor, a morte e a natureza son quizais os temas máis frecuentados pola poesía. De Garcilaso de la Vega a Victor Hugo, de Aleksandr Pushkin a Sarojini Naidu, desde sempre o poeta recoñeceu e honrou unha profunda vinculación entre as emocións humanas e a riqueza do contorno.

Ultimamente as/os poetas comezaron a utilizar a súa memoria cultural e as súas preocupacións ecolóxicas para daren testemuño do cambio climático. Coa súa obra estes “ecopoetas” sitúan o patrimonio natural e cultural no centro do debate político e fan del unha cuestión de supervivencia. O poeta mapuche contemporáneo Elicura Chihuailaf expresa con poderosa elocuencia este vínculo entre saber indíxena e protección dos ecosistemas:

Aprendo daquela os nomes das flores e das plantas.
Os insectos cumpren a súa función.
Nada está de máis neste mundo.
O universo é unha dualidade,
o bo non existe sen o malo.
A Terra non lle pertence á xente.
Mapuche significa “Xente da Terra”. (1)

A poesía aniña no máis fondo do que somos, mulleres e homes que conviven no mundo de hoxe, abeberándose no legado das xeracións pasadas e custodiando este mundo para os nosos fillos e netos. Ao celebrarmos hoxe a poesía, celebramos a nosa capacidade de loitar unidos pola diversidade biolóxica como “preocupación común da humanidade” e como parte integral do proceso de desenvolvemento internacional.

(1. De “La casa Azul en que nací”, Recado confidencial a los chilenos, Elicura Chihuailaf, 1999)

Pódese descargar de balde premendo na ligazón do título, do portal Memoria Chilena)

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta