Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, co gallo do Día Mundial da Poesia, 2017 (Versión galega)


(Henry Wadsworth Longfellow no seu estudio)
Neste 21 de marzo do 2017, Día Mundial da Poesía, declarado pola UNESCO en 1999, tampouco atopei por ningures a versión galega da mensaxe da súa Directora Xeral, Irina Bokova. E como tamén fixen noutros anos anteriores, polo seu indubidable interese reproduzo novamente nesta bitácora esa mensaxe (a versión que publico é de elaboración propia), que na miña opinión resulta de lectura obrigada. Os subliñados en negra son da miña autoría.
We have not wings, we cannot soar;
But we have feet to scale and climb
By slow degrees, by more and more,
The cloudy summits of our time.
(Non temos ás, non podemos elevarnos,
mais temos pés para gabear e escalar
paso a paso, máis e máis,
os nubosos cumios dos nosos tempos).
Nunha época na que os retos aos que nos enfrontamos, desde o cambio climático, a desigualdade e a pobreza ata o extremismo violento, semellan tan inxentes, as palabras do poeta Henry Wadsworth Longfellow achégannos esperanza.
Composta de palabras, corada con imaxes, tanxida coa métrica perfecta, a poesía ten un poder singular. O poder de arrincarnos da vida cotiá e de lembrarnos a beleza que nos rodea e a resilencia do espírito humano que compartimos.
A poesía é unha fiestra á diversidade excepcional da humanidade. Na Listaxe Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade da UNESCO inclúense decenas de formas de expresión oral e poesía, desde o desafío poético Tsiattista de Chipre ou a poesía cantada Ca trù de Viet Nam ata Al-Taghrooda, a poesía cantada tradicional dos beduinos dos Emiratos Árabes Unidos e Omán. A poesía é tan antiga como a linguaxe, e nos períodos turbulentos é máis necesaria que nunca, como fonte de esperanza, como maneira de partillar o que significa vivir neste mundo.
O poeta Pablo Neruda escribiu que «la poesía es siempre un acto de paz». A poesía é única pola súa capacidade de falar a través do tempo, o espazo e a cultura, de chegar directamente aos corazóns das persoas de todo o mundo. Nun manancial de diálogo e entendemento e foi sempre unha forza para desafiar a inxustiza e promover a liberdade.
Como dixo Deeyah Khan, Embaixadora de Boa Vontade da UNESCO para a liberdade e a creatividade, todas as formas de arte, incluída a poesía, «teñen a capacidade extraordinaria de expresaren resistencia e rebelión, protesta e esperanza».
A poesía non é un luxo.
A poesía é unha parte esencial de quen somos en canto que mulleres e homes que vivimos xuntos no presente, valémonos do patrimonio das xeracións pasadas e somos custodios do mundo para os nosos fillos/as e netos/as.
Hoxe, ao celebrar a poesía, celebramos tamén a nosa capacidade de unirnos nun espíritu de solidariedade para gabear e escalar «os nubosos cumios dos nosos tempos». Necesitamos facelo para levar adiante a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, para aplicar o Acordo de París sobre o Cambio Climático, para asegurármonos de que ningunha muller nin home fique atrás.
Irina Bokova

Esta entrada foi publicada en Manifestos, Poesía. Garda a ligazón permanente.