Memoria Literaria (XVIII): No 25 aniversario da publicación da Antoloxía poética de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 1995)

Foi un dez de maio de 1995, hai agora 25 anos, cando estivemos en Muxía, como ben lembra a hemeroteca, para presentarmos a miña edición literaria da Antoloxía poética  de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 1995). A nova na edición comarcal do xornal coruñés La Voz de Galicia ocupou toda unha páxina, cunha crónica do xornalista Xosé Ameixeiras do acto desenvolvido, así como as miñas propias valoracións e un artigo de saúdo da publicación intitulado “Recordo dun poeta esquecido”, que asina Xan Fernández Carrera.

A devandita Antoloxía poética nacera por iniciativa do amigo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez, hoxe director do Museo do Pobo Galego, e publicouse grazas a un convenio entre a editorial Espiral Maior, que dirixe aínda hoxe o poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, e a alcaldía do concello de Muxía, daquela en mans do nacionalista Bautista Pose Paz.

Foi tamén a primeira vez que partillei un acto público con Manuel María, malia termos coincidido xa algunhas veces con anterioridade e moitas máis con posterioridade, mesmo fóra do noso País nunhas Xornadas Das Letras Galegas en Lisboa (que organizara en 1998 o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades-CRPIH).

O poeta chairego sempre tivo moito aprezo pola poesía de Gonzalo López Abente. Nesta bitácora xa demos testemuño do artigo ou necrolóxica que Manuel María publicou no diario lugués El Progreso (10 de agosto do 1963) con este encabezamento: “Recuerdo al Patriarca de la Poesía Gallega. Noticia de Gonzalo López Abente”.

(De esquerda a dereita, Bautista Pose Paz, daquela (1995) alcalde nacionalista en Muxía; eu propio; Manuel María e Miguel Anxo Fernán-Vello, editor de Espiral Maior. Fotografías de Manuel Vilar Álvarez. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Efemérides, Entrevistas, Estudos literarios, Fotografía, Memoria Literaria, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta