Manifesto e obxectivos da plataforma «Voltar á Terra»

VoltaráTerra

(Video de presentación da plataforma «Voltar á Terra»)
Máis unha vez teño o pracer de me facer eco nesta bitácora doutro proxecto que coñecín ao abrir a caixa de correo e que me pareceu excelente e digno de divulgar ao máximo. Desta volta trátase do nacemento da plataforma cidadá denominada «Voltar á Terra», cuxo Manifesto fundacional xa asinei e que tamén convido a calquera persoa a se engadir nesta ligazón.
Non podía por varias razóns ser eu alleo á plataforma «Voltar á Terra», onde «galegas e galegos de todo o mundo únense para defender os nosos dereitos e ser quen de voltar á terra se así o desexamos». De primeiras porque meu bisavó Ramón e meu avó José Jesús estiveron emigrados na Arxentina e pouco trouxeron no seu regreso á Terra. Así, meu bisavó trouxo de volta un bandoneón que podreceu na casa por culpa da traza, coa miña inconsciencia e a de meus irmáns (demasiado crianzas para entender e tomar a decisión de o conservarmos) e oficio, como o que lle permitiu ter de seu un banco de carpintaría. Porén tanto meu bisavó, que morreu aos 98 anos, coma seu fillo e meu avó pódese dicir que fracasaron na Arxentina, como ben relata meu irmán Rafa Villar nun magnífico poema sobre a súa persoa («Porto da Coruña, ano mil novecentos e poucos»).
E no ámbito dos estudos literarios aos que teñen dedicado centos e centos de horas de traballo o mundo da emigración tampouco non me é alleo, pois teño centrado unha parte deles na obra e na figura de dous poetas emigrados tamén á Arxentina. Velaí a miña Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, dirixida polo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, obtendo o grao de Licenciado coa cualificación de Sobresaliente. Boa parte do texto foi publicado por Edicións do Castro (1998). E velaí tamén a miña Tese de Doutoramento en Teoría da Literatura e Literatura Comparada intitulada A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e Estudo, dirixida polo mesmo Dr. Xesús Alonso Montero; que foi lida e defendida o 25 de febreiro de 2008, obtendo o grao de Doutor coa cualificación de Sobresaliente Cum Laude. De acceso libre na rede en varios lugares, como poesiagalega.org, tamén deu pé ao libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009).
Deseguida reproduzo o texto do Manifesto que asinei:
Manifesto
Desde que temos lembranza emigramos. O raro é encontrar alguén no noso contorno máis achegado que cando menos unha vez non probase sorte fóra. Nunca deixamos de irnos, a un ou a outro ritmo, en algún momento máis paseniño e noutros xa en masa, cando se desbordan os intereses duns poucos. Este é un deses momentos.
Vimos dun país con recursos e capacidades como para xuntar ás que están e ás que queremos estar. Somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial, o mar fíxonos potencia pesqueira, habitamos unha Terra cunha extraordinaria capacidade agrogandeira, xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos, visítanos máis xente que habitantes somos e, xunto a potencialidades dabondo, temos unha lingua e cultura propias e ben diferenciadas, que nos permite comunicarnos con máis de 250 millóns de falantes de portugués.
A pesar diso, 466.000 galegas e galegos viven hoxe por baixo do limiar da pobreza, máis de 200.000 marcharon desde o 2007, a metade das menores de 25 anos non teñen traballo. Perdemos cada día 70 habitantes formados e en idade laboral, que deixan atrás familias, amizades, e, en moitos casos, a posibilidade de desenvolver a súa vida onde queiran. Somos pouco máis que a vixésima parte da poboación do Estado, mais unha cuarta parte das emigradas.
O problema non é que marchemos, é que nos botan cando limitan e recortan as titulacións das nosas universidades, cando as opcións que nos dan son entre o desemprego, ou empregos cun salario miserento e traballos non remunerados –as tan manidas prácticas profesionais-, ou cando nos negan calquera tipo de axuda para desenvolver unha iniciativa económica.
Non queremos agasallos, mais tampouco que nos pechen as portas do noso país. A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis e condenarnos a continuar no círculo da dependencia que nos ten nesta mesma situación.
A emigración non é inherente á condición humana: Só viven en países diferentes ao seu un 3.3% da poboación mundial. Iso é o que nos depara un mundo só para as elites, no que a nós nos cadrou no lado baixo da balanza.
Por iso nós non somos emigrantes, somos exiliadas, e exisimos:
Un plano de emprego xuvenil que promova novos espazos de actividade para a xeración de emprego e que potencie o emprendemento.
Un plano de apoio ao retornado que permita volver en condicións dignas e con acceso a un posto de traballo digno.
Reforzo dos servizos públicos e contratación de traballadoras no ensino, sanidade e servizos sociais.
Promoción da explotación sustentábel dos nosos sectores produtivos e fin das restricións europeas e españolas que non nos deixan producir.
Derogación do retraso na idade de xubilación e eliminación dos contratos precarios.
Queremos ser quen de vivir e traballar con dignidade no noso país, como fan tantos pobos no mundo, e que deixen de ser os de sempre os que elixan se temos dereito ou non a vivir na nosa terra.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Documental, Estudos literarios, Historia, Memoria Literaria, Poesía. Garda a ligazón permanente.