Limiar a Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega


(Fotografía da cuberta: Maribel Longueira)
Axiña estará nas casas dos subscritores/as e tamén nas librarías o volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que tiven a honra e o pracer de coordinar cabo de Francisco “Chisco” Fernández Naval, por encomenda da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
No entanto, para darmos a benvida a esta singular obra, reproduzo deseguida como adianto o Limiar que asinamos no último mes do ano 2012 ambos e dous coordinadores. Velaquí:
INTRODUCIÓN
O Monte do Pindo, unha das paisaxes simbólicas de Galicia, é tamén referencia da nosa identidade. O Monte intégrase nunha extensa contorna que o ten como referencia xeográfica principal, sendo Fisterra a referencia espiritual. Porque o Monte está en relación e dialoga co territorio e o mar que o circundan, e así non é posible comprendelo na súa complexidade, sen a Serra da Ruña sobre a que se proxecta, sen o mito de Fisterra no que se mira, ou sen os petróglifos que cobren as laxes dos montes dende Carnota ata Serres, que son como a expresión da terra e da historia.
Pero o Monte tampouco sería elemento esencial da nosa identidade sen a literatura. A literatura, anónima ou de autor, representa o ser e o sentir da colectividade, ela nos permite contar e contarnos, contármonos tamén e dicírmonos como é que nos vemos, como é que somos. No discurso literario está a esencia do ser. Ser é ser percibido, dicía o filósofo irlandés Berkeley. Ser é ser fotografado, dicía Borges. Ser é ser contado, e ese contar implica a existencia, pero tamén a experiencia de identificar, de compartir, de interpretar, de interiorizar e, polo tanto, de que algo se transforme en patrimonio comunal. Velaí o valor da literatura.
Foi a literatura quen popularizou o carácter sacro do monte dende antigo. Son moitos os autores que insisten na súa denominación de Olimpo, velaí senón a Ramón Otero Pedrayo, quen o describe así: “O monte, formado por enormes masas de granito adopta unha forma de grave testa, e aínda florecen nas súas fisuras as figueiras salvaxes das que falan o P. Sarmiento e Jovellanos nas súas Notas de viaxe. Chamóuselle un dos Olimpos célticos de Galicia e é, en verdade, un dos máis fermosos montes litorais dela”. Pero agora, grazas ao traballo divulgador da Asociación Monte Pindo Parque Natural, sabemos que nun documento de doazón, recuperado no Tombo de Celanova, con data do ano 942, xa se recollía esta condición: “In Carinota… cum suo monte sacro”.
Este carácter sacro aínda se mantén vivo na memoria popular e é recollida nalgúns dos poemas que compoñen este libro. Quizais foi ese valor simbólico o que nos levou a tentar recoller toda a poesía galega publicada ata agora sobre o monte, convidando, ademais, aos escritores contemporáneos do país a que participasen no proxecto, enviando a súa impresión poética do Pedregal, que así é como lle chama a xente da contorna, convencidos de que a disposición destes textos por parte de lectores, veciños, viaxeiros e turistas, axudará a mellor comprender a complexidade desta xeografía singular e potenciará o seu carácter de elemento simbólico da comunidade.
Cincuenta e seis poetas e sesenta e seis textos compoñen este volume. Coa axuda inestimable de Xosé María Rei Lema, buscamos poemas nos que o monte estivera presente. A referencia máis antiga até agora documentada na poesía galega é de Francisco Añón, o autor da Serra de Outes, cun poema datado en 1861.
Eu soñey con ver n’a cume d’o Pindo,
Adornados de mirto e loureiros,
Escritores poetas guerreiros,
Que sorrindo se daban a man.
Na escolma aparecen representadas todas as promocións ou xeracións da nosa literatura, aínda que sobrancea a contemporánea pola notable resposta á nosa chamada.
Desbotamos a orde cronolóxica e a alfabética foi a escollida, para unha mellor localización na procura autorial. Alén diso, os poemas publicados xa en libro, en revista ou en xornal, levan cadansúa referencia bibliográfica que indica o título e a data da publicación. Aqueles que carecen dela son os enviados polos poetas en resposta á convocatoria, aínda que algúns teñen tamén datación cronolóxica, indicada polo autor ou autora.
No tocante aos criterios de edición tan só se corrixiron as grallas evidentes respectando absolutamente as opcións lingüísticas de cada persoa e, por suposto, as particularidades de quen escribiron en épocas nas que a nosa lingua carecía de fixación normativa.
Francisco X. Fernández Naval e Miro Villar
Decembro 2012

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Historia, Lendas e mitos, Poesía. Garda a ligazón permanente.