Lembranza de Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014)

OlimpioArca
OlimpioArca-15-09-12
(Retrato de Olimpio Arca, da autoría de Héitor Picallo, e fotografado entre Xosé María Lema Suárez e eu propio na entrega a Héitor Picallo do Premio Reimóndez Portela o 14 de setembro do 2012. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
Días atrás dixémoslle adeus ao escritor, historiador e mestre (nomeado Mestre Exemplar polo Museo de Pontevedra en 1993) Olimpio Arca Caldas (Cuntis, 1928 – A Estrada, 2014), quen nos deixou á idade de 86 anos na súa casa estradense. Coñecín a Olimpio a finais da década dos noventa debido á amizade que me une desde esa época á súa filla Maka Arca Camba, coa que temos coincidido en moitos sarillos culturais e literarios.
Con Olimpio Arca non tiven moito trato, aínda que falamos e coincidimos tamén moitas veces, nomeadamente en presentacións de libros, adoito relacionados coa Terra de Tabeirós. Precisamente a fotografía ilustra a última vez que debemos cadrar xuntos. Alén diso, coñezo e lin varios dos seus traballos de polígrafo, xa que Olimpio foi un deses eruditos e traballadores da cultura que realizou un intenso labor de investigación e defensa do patrimonio comarcal, exerceu a dirección do Museo do Pobo Estradense Manuel Reimóndez Portela e até chegaría a ser nomeado cronista local polo Concello d’A Estrada.
Para un achegamento á súa personalidade, desde a infancia, os anos da República, da guerra civil e da posguerra, ao seu maxisterio e á súa creación literaria, é moi recomendable a longa entrevista que lle realizou o alumnado do estradense IES Manuel García Barros e que pode ler nesta ligazón.
A nivel literario escribiu tamén contos e varias obras de teatro, como as tres que figuran na miña biblioteca persoal, dúas delas con senllas dedicatorias autógrafas, tal e como recollen as imaxes que acompañan esta anotación. En novembro do 2001, Maka Arca agasalloume as súas obras de teatro escolar Conversas coa nobre Dama (Concello de Cuntis, 1999) e Pelexa no souto (Edicións Fervenza, A Estrada, 2001), coa que se inauguraba a colección A Pinguela Teatro Escolar, dirixida por Xosé Luna Sanmartín, aínda que unha nota editorial sinala: «Pelexa no souto, de Olimpio Arca Caldas, foi escrita en 1974 e estreada nese mesmo ano na Agrupación Escolar de Couso».
O propio Xosé Luna Sanmartín faríame chegar en 2003 a obra Os Reis do Panchiño (Edicións Fervenza, A Estrada, 2002), sexta entrega da colección A Pinguela Teatro Escolar, desta volta coa seguinte nota editorial: «A publicación de Os Reis do Panchiño, de Olimpio Arca Caldas, foi recomendada pola Asociación Cultural O Facho, no ano 1973».
Todas tres, e en xeral toda a súa obra, amosan a súa preocupación pola conservación e a divulgación da nosa cultura e da nosa lingua, porque Olimpio Arca Caldas profesou o galeguismo até a medula. Abonda con lermos o final da peza Conversas coa nobre Dama (que non é outra que a lingua) e que me permito reproducir a xeito de postremeira homenaxe.
Que a Terra che sexa leve, Mestre!
(Entra a DAMA sen peluca e coa faciana de moza nova)
NENOS.- (Contentos, gardando os caramelos)
Así é como nós a queremos.
DAMA.- (Vai á libraría e colle dous libros. Dálle un a cada neno) Este é o meu agasallo, para que leades moito e me escribades máis.
(No medio dos dous nenos cara ó público)
DAMA.- Eu son a fermosa e antiga lingua galega. Hai séculos na miña lingua rimaba os seus versos o Rei Afonso X de Castela. Nela rezaron os vosos tataravós, namoraron vosos avós. Estiven anos e séculos esquecida por certos persoeiros e asoballada por un irmán máis poderoso.
¡Sodes vós os que tedes que me defender xa que deste xeito afirmades a vosa personalidade! ¡GRACIAS!
Baixa o telón e música.
(Imaxes dunha das súas dedicatorias e das súas obras na miña biblioteca persoal. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
OlimpioArca2
OlimpioArca1
OlimpioArca2
OlimpioArca3
OlimpioArca4
OlimpioArca5

Esta entrada foi publicada en Autografías, Biografía, Contos, Ensaio, Entrevistas, Historia, Infantil, Lingua, Manuscritos, Narrativa, Premios, Teatro e etiquetada . Garda a ligazón permanente.