Inicio do curso en Viaño Pequeno, Trazo


(vía trafegandoronseis)
Despois dunha chea de anos en Fisterra, hoxe principio unha nova etapa pois tiven a primeira aula no CPI Viaño Pequeno (Trazo). Confeso que tiven que mirar cómo chegar. Non vos asustedes, o video que subín non é da sesión desta mañá, senón un fragmento da película Forja de almas (1943) de Eusebio Fernández Ardavín. Este filme é un biopic de Andrés Manjón (1846-1923), pedagogo e canonista que desde Granada espallou a rede de escolas Ave-María (talvez sexa este o modelo que nos agarda novamente coa política educativa do Partido Popular, contra a que xa nos manifestamos). Porén esta escola rural de comezos do século XX tivo a súa resposta na Institución de Libre Enseñanza. Na miña infancia nun colexio concertado de Cee, cuxo nome é ben esquecer, padecín un modelo evolucionado de escola Ave-María. Algo de todo iso está contado na miña novela infantil O nariz de Fiz, ilustrada por Lola Lorente, que recibiu en 2008 o V Premio de Literatura Infantil e Xuvenil “Pura e Dora Vázquez”, que convoca anualmente a Deputación de Ourense. Nalgunhas cousas Fiz é un trasunto da miña persoa, noutras non, mais o tempo da historia é o tempo da miña nenez.

Esta entrada foi publicada en Cinema, Contos, Infantil, Narrativa. Garda a ligazón permanente.