Ilustradoras e ilustradores dos meus libros infantís


Principia hoxe a Feira do Libro Infantil de Boloña, que vai decorrer do 19 ao 22 de marzo. Nesta bitácora xa falamos da presenza da literatura galega (que desta volta inclúe o meu libro A cobiza do verme Noel), mais tamén hai que lembrar que Portugal é o país convidado, polo que acoden autoras e autores, ilustradoras e ilustradores e moitas editoras. Así o relata o Diário de Notícias:
«A feira do livro infantil de Bolonha é o maior evento mundial anual na área do livro infantil. Encontram-se aqui todos os agentes do livro infantil. Fazem-se contactos. Apresentam-se projetos. Vê-se as novidades. É um momento imprescindível para quem trabalha nesta área. Portugal, como convidado de honra, está no foco das atenções de centenas de editores e jornalistas”, explica Eduardo Filipe que, com Ju Godinho, comissaria a exposição portuguesa, que, com o título ‘Como as cerejas’, vai mostrar o trabalho de 25 ilustradores nacionais».
O Diário de Notícias tamén publica un video no que a ilustradora Teresa Cortez explica o seu traballo, un dos escollidos para a feira de Boloña.
O labor de ilustradoras e ilustradores é fundamental na obra infantil e xuvenil, por iso lembro agora as persoas que ilustraron os meus libros desta temática:
Luís Castro Enjamio, ilustrou todos tres títulos da serie Carlota, a marmota:
Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006).
Lola Lorente ilustrou O nariz de Fiz (Deputación de Ourense, 2008).
Marta Álvarez Miguéns ilustrou A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011).
Ana Santiso ilustrou Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012).

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Infantil, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.