Gonzalo López Abente no Calendario do libro e da lectura 2013



(Fragmento e cartaz completo. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
A Fundación Gonzalo López Abente está de noraboa. O poeta muxián está presente no Calendario do libro e da lectura 2013, que recolle todas as datas relacionadas co libro e a lectura, para lembrar os natalicios ou pasamentos máis significativos dos nosos autores e autoras ou otras xornadas relacionadas coa literatura de nós.
Este calendario foi elaborado pola Secretaría Xeral de Cultura e o cartaz no que aparecen reflectidas as datas a celebrar está a ser divulgado desde a Asesoría Bibliotecas Escolares e outras páxinas (as bitácoras brétemas do editor Manuel Bragado e o cadernodacrítica de Ramón Nicolás ou o blogue de redelibros, por citarmos as primeiras onde o puidemos ollar).
Velaquí deseguida o texto que acompaña o cartaz na páxina da Secretaría Xeral de Cultura, no que subliñamos a referencia a Gonzalo López Abente.
CALENDARIO DO LIBRO E DA LECTURA 2013
Efemérides e datas para celebrar o próximo ano
«Ao longo do ano 2013 terán lugar diversos aniversarios significativos para a literatura galega e conmemoracións habituais arredor do libro e da lectura. Para contribuír á difusión destas efemérides e animar, ao mesmo tempo, á planificación de actuacións que promovan o interese polos libros e polas nosas letras, presentamos o Calendario do libro e da lectura 2013.
No marco do Día das Librerías 2012, a Secretaría Xeral de Cultura iniciou a distribución deste cartel, que chegará ás 230 librerías galegas federadas e ás bibliotecas públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia. Tamén os principais Centros de Formación e Recursos da Consellería de Cultura e Educación contarán con exemplares para as bibliotecas escolares dos centros educativos, así as universidades e diversas institucións vinculadas co ámbito do libro e da literatura.
O cartel tamén está accesible para toda a cidadanía a través deste web de Cultura.
CELEBRACIÓNS
No mes de xaneiro, celebrarase o CENTENARIO DE FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, un dos principais promotores da escrita e edición de textos de autores galegos durante o franquismo desde a editorial Galaxia.
No mes de febreiro fará 150 anos do nacemento doutro intelectual vinculado ás letras que ostentou, como del Riego, a presidencia da Real Academia Galega, Manuel Lugrís Freire.
En marzo celébranse anualmente o Día Internacional da Poesía e o Día Mundial do Teatro, para dar paso ás celebracións do libro e do libro infantil e xuvenil en abril.
Pero a maior actividade arredor da literatura adoita ter lugar en Galicia no mes de maio, motivada pola celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, data coincidente coa publicación de CANTARES GALLEGOS, de Rosalía de Castro, da que en 2013 se cumprirán 150 anos. Este ano, o autor elixido pola Real Academia Galega para centrar as celebracións de maio é o dramaturgo ROBERTO VIDAL BOLAÑO.
Outra das efemérides de 2013 é o 50º aniversario do pasamento do escritor Gonzalo López Abente, o 23 de xullo, que ten tamén o seu lugar no calendario editado pola Xunta de Galicia, co fin de contribuír á difusión da súa obra poética.
No segundo semestre do ano sucederanse outras conmemoracións como o Día Internacional dos Arquivos, o Día Internacional da Tradución, o DÍA DA BIBLIOTECA ou o propio DÍA DAS LIBRERÍAS, o último venres de novembro, datas coas que as entidades culturais que as promoven pretenden poñer en valor os distintos ámbitos vinculados co mundo dos libros.
En Galicia, no mes de decembro, celébrase tamén o DÍA DA EDICIÓN coincidindo co aniversario do nacemento do editor Ánxel Casal».

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Estudos literarios, Memoria Literaria, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.