Gonzalo López Abente no «Álbum das Irmandades» do Consello da Cultura Galega


Cadrando co 139 aniversario do natalicio do escritor muxián Gonzalo López Abente, o sitio web do Consello da Cultura Galega vén de publicar a anotación biobibliográfica que (re)elaborei por indicación de Miguel Anxo Seixas Seoane, coordinador do proxecto Irmandades da Fala para o Consello. Velaquí a entrada relativa a Gonzalo López Abente, que tamén se pode ler nesta ligazón.
Gonzalo López Abente (Muxía, 24 de marzo de 1878 – 23 de xullo de 1963)
Coñecido polos seus coetáneos como «o poeta do mar», con especial relevo na súa relación coas Irmandades da Fala
Gonzalo Francisco López Abente naceu en Muxía segundo confesa nunha carta a seu curmán Horacio Bermúdez Abente, que a reproduce no limiar á obra póstuma Decrúa (1966): «[…] un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agoniaba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxeme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…». Seu pai, Francisco López García, foi alcalde de Muxía e xefe local do Partido Liberal. E súa nai, Xulia Abente Lago, era filla do médico Leandro Abente Chans, irmán da nai de Eduardo Pondal.
Estuda en Santiago, como conta Otero Pedrayo: «ós nove anos levárono a Compostela a se dispór pra o Bacherelato que enteirou ós 15 anos o 22 do san Xoán do 1893», e remata Dereito con 21 anos, o 20 de xuño de 1899. Regresa a Muxía para traballar nunha entidade bancaria e a súa sinatura faise habitual na prensa comarcal e local, El Celta de Corcubión e El Eco de Mugía. Periódico independiente, defensor de los intereses generales del partido judicial de Corcubión, do que foi director-propietario.
Casou o 20 de setembro de 1909 coa súa curmá Balbina Abente Myszkovski, filla de Victorino Abente Lago, que emigrou ao Paraguai, onde é considerado poeta nacional. Enviuvou ao ano no primeiro parto da súa muller, que falece, con 26 anos, o 12 de setembro de 1910.
Na altura principiou a colaborar con moitas revistas e xornais da prensa galega e da emigración (Arxentina, Cuba, Uruguai…), con versos que farán parte de Escumas da ribeira (1911?) e Alento da raza (1917?). Tamén publica as novelas O diputado por Beiramar (1919), que foi primeiro premio do certame de narrativa convocado por A Nosa Terra, editada como primeiro volume da «Bibrioteca Galeguista» das Irmandades da Fala, O escándalo (1920) e O novo xuez (1922).
O 11 de marzo de 1917 participa no enterro multitudinario de Eduardo Pondal Abente, presidindo o dó xunto aos representantes da RAG, o seu presidente Murguía e os académicos Martínez Salazar, Riguera Montero e Ponte y Blanco, e o alcalde coruñés, Manuel Casás.
En 1918 a RAG vaino nomear académico correspondente, como figura no título exposto na Casa das Beiras de Muxía, sede da Fundación López Abente, e que di: «Esta corporación en sesión del día 20 de Diciembre de 1918 nombró Académico Correspondiente a D. Gonzalo López Abente. Y en vista de este acuerdo se le expide el presente título en la ciudad de La Coruña a los 22 días del mes de Enero de 1919». Asinan o presidente accidental, Francisco Tettamancy, e o secretario, Eugenio Tarel.
Participa nos movementos nacionalistas políticos e culturais: únese á acta de constitución da «Hirmandá de Amigos da Fala» (A Coruña, 18 de maio de 1916) e colabora no seu órgano de expresión, A Nosa Terra. López Abente representa a bisbarra nas Asembleas Nazonalistas, sendo un dos asinantes das conclusións da I Asemblea (Lugo, 17-18 de novembro de 1918). Nas publicacións galeguistas aparece como representante en Muxía da Irmandade Nazonalista Galega (ING) constituída en 1922. Está entre os «irmáns galeguistas» que colaboran economicamente para a creación de futuras «Escolas do Insiño Galego» (A Nosa Terra, 192, 12-9-1923) ou para crear unha biblioteca galeguista: «O notabre poeta López Abente, enviounos tamén os seus preciados tomos de versos “Escumas da Riveira” e “Alento de Raza”» («Biblioteca da Irmandade», A Nosa Terra, 194, 1-11-1923).
Na ditadura primorriverista atopa refuxio na creación, cos relatos Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929), anunciado na derradeira páxina de Alento da raza co título Os fidalgos de Vaosilveiro, así como os poemarios Do Outono (1924), anunciado co título Froles d’Outono. Sonetos, ademais de Nemancos (1929) e a obra de teatro María Rosa (1928), subtitulada Comedia en dous pasos, escrita moito antes, pois foi estreada o 20 de febreiro do 1921 polo grupo teatral do «Cadro de Declamación» das Irmandades da Fala da Coruña.
Ingresa no Seminario de Estudos Galegos (SEG) con Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Victoriano Taibo, nunha cerimonia que relata así Otero Pedrayo: «O ingreso de López Abente no Seminario de Estudos Galegos fíxose co de os outros xa nomeados grandes poetas o 14 de marzal de 1926 no vello e simpático salón de aítos da Sociedade Económica de aquila aínda istalado no Colexio San Clemente. Non poideron concorrirre Cabanillas, nin Noriega. Lembramos cada intre de aquila sesión. Hastra o efeito nalgús espritos de poemas de López Abente cecáis pra iles soantes ó metal panteista de Lucrecio».
Vicente Risco en 1928 facía este retrato: «É un home estraño, calado e serio, cunha cortesía exquisita de gran señor. Ten viajado moito, estivo na América e percorreu case todo o Norte da Europa. Poida que aínda teña estado en máis sitios, mais non se sabe, pois il raramente fala dos seus viajes. Vive en Mugia, frente ao imenso Atlántico, e é o millor poeta do mar».
Participa na VI Asemblea das Irmandades na Coruña, coa delegación de Muxía, segundo informa El Orzán (27-IV-1930), e meses despois figura entre os asinantes da creación do Partido Galeguista o 5 e 6 de decembro do 1931 en Pontevedra.
No Día da Patria Galega, 25 de xullo, de 1934 asiste á recepción de Castelao como membro da RAG, e o 24 de xullo de 1935 á homenaxe a Curros Enríquez perante o seu monumento n’A Coruña, na que falaron Plácido Castro, Antón Villar Ponte, Núñez Búa, Bóveda, Castelao, Suárez Picallo, Víctor Casas, Álvarez Gallego, Otero Pedrayo, Iglesia Alvariño, Lugrís Freire, Sebastián González, Gómez Román, López Abente e Carballo Calero.
O 29 de marzo de 1936, no salón de sesións do Concello de Santiago, cedido polo alcalde republicano Ánxel Casal, Gonzalo López Abente foi elixido presidente da Asociación de Escritores de Galicia, nunha lista única elixida por aclamación.
O fotógrafo muxián Ramón Caamaño, cronista gráfico da historia da Costa da Morte, fotografouno arengando os seus veciños no Cabo da Vila na campaña a prol do Estatuto de autonomía de 1936.
A sublevación militar contra o Goberno democrático da II República provoca a depuración do poeta da súa vida laboral. Este documento foi exhumado por Luís Lamela García en Estampas de injusticia. La guerra civil del 36 en A Coruña y los documentos originados en la represión (1998).
O franquismo silenciou durante varios anos a López Abente, que se refuxia, coma outros galeguistas, na creación literaria. Otero Pedrayo escribe «Tiña amor pola Academia pra a que foi eleito o 8 do Nadal de 1940. Tomou posesión o 27 do Sant-Iago de 1941 e correspondeulle a cadeira 16 dinantes ocupada por un ilustre devanceiro de semellantes afinidades poéticas e de parexa terra mariñeira. Don Manuel Lugrís Freire finado o 15 do febreiro do 1940». O seu discurso de ingreso como académico numerario, presentado no paraninfo da Universidade Literaria de Santiago, titulouse A terra e a poesía de Pondal e foi publicado póstumo pola RAG en 1965.
López Abente finou o 23 de xullo de 1963, aos 85 anos, na súa casa da rúa Virxe da Barca. Oito anos despois, o 17 de maio de 1971, a RAG dedícalle o Día das Letras Galegas e o acto académico en Muxía contou coa colaboración do Concello. No paseo do peirao, no xardín da Cruz, foi descuberto un monumento do escultor Andrés Barbazán, simbolizando unha muller mariñeira que leva un medallón coa efixie do poeta e a lenda «Ao esgrevio poeta Gonzalo López Abente. 1878-1963. Día das letras gallegas, 15-5-1971». Tamén se presentou a publicación realizada pola Academia, con prólogo do seu presidente Sebastián Martínez-Risco e epílogo de Salvador Lorenzana (pseudónimo de Fernández del Riego), do libro de poemas inéditos Monza de frores bravas para Nosa Señora da Barca. Nesas datas, Galaxia reedita O novo xuez, cun breve limiar biobibliográfico. Carballo Calero e Otero Pedrayo escriben senllos artigos de homenaxe que publican a Universidade de Santiago e o Boletín da RAG.
Trinta anos despois, o 29 de xaneiro de 2011, naceu en Muxía a Fundación Gonzalo López Abente para divulgar a súa obra. De feito xa recuperou o seu libro inédito Bretemada (2011), mecanoscrito datado entre 1917-1922, reeditou a súa Narrativa mariña (2012) e compilou a súa Poesía Completa (2013), alén de convocar un Premio de Poesía co seu nome, realizar unidades didácticas, roteiros e outras actividades.

Esta entrada foi publicada en Biografía, Efemérides, Estudos literarios, Narrativa, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.