Gonzalo López Abente na Revista Popular Ilustrada (Madrid, 1917)


A progresiva dixitalización de fondos da prensa histórica permite a consulta rápida e sinxela na procura de novos materiais. Para min resulta fundamental, xa que estou a enfrontar un traballo de compilación da Poesía Completa de Gonzalo López Abente e puiden atopar novos textos e/ou informacións referidas ao poeta muxián que non coñecía, mesmo en publicacións onde nunca sospeitaría que puidese atoparse algo relacionado coa súa vida ou a súa obra.
Este é o caso da fotografía e a breve nota a rodapé que a acompaña que atopei en Mundo Gráfico. Revista Popular Ilustrada (ano VII, nº 307, 12 de setembro de 1917), naquela altura tiña como director Francisco Verdugo Landi, coñecido debuxante e caricaturista da época. Tratábase dunha publicación semanal de sociedade que tirou o seu primeiro número o 2 de novembro do 1911 e que cesou no ano 1938 por mor dos avatares da guerra (in)civil.
O devandito exemplar coa fotografía dun novo Gonzalo López Abente, para dar conta da publicación do seu segundo libro Alento da raza (1917), atópase dixitalizado na Biblioteca Nacional de España nun proxecto que definen así:
«La Hemeroteca Digital forma parte del proyecto Biblioteca Digital Hispánica, que tiene como objetivo la consulta y difusión pública a través de Internet del Patrimonio Bibliográfico Español conservado en la Biblioteca Nacional de España. Nace en marzo de 2007 para proporcionar acceso público a la colección digital de las revistas y prensa histórica española que alberga la Biblioteca, con una colección inicial compuesta por 143 títulos de prensa y revistas. En estos momentos cuenta con 1.065 títulos y 4.952.063 páginas».
Por certo, un proxecto público, de servizo público, e atendido por funcionariado, ese sector e esas persoas que o neoliberalismo económico dos conservadores hispanos aborrece e quere reducir á mínima expresión. As súas tesoiras tamén van contra estes servizos impagables desde o punto de vista da investigación histórica e literaria.

Esta entrada foi publicada en Fotografía, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.