Galería fotográfica da contada en Lestedo (Boqueixón)



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
O escritor e amigo Xosé Manuel Lobato, presidente da asociación cultural Mestre Manuel Gacio (Lestedo, Boqueixón), fíxome chegar unha ampla galería fotográfica da actividade realizada o pasado sábado 8 de febreiro no Centro de Interpretación Pico Sacro de Lestedo, baixo o epígrafe «Contada rimada».
Para dar testemuño nesta bitácora escollín catro das imaxes, as dúas primeiras corresponden ao inicio da lectura de Carlota e a gaivota patiamarela, a través das ilustracións de Enjamio. Foi o primeiro dos contos rimados narrado para unha sala concorrida, con bo número de rapazada e de nais ou pais que tamén escoitaron e participaron (os primeiros) da lectura de Rebelión na charca, a través das ilustracións de Ana Santiso, e  A cobiza do verme Noel, através das ilustracións de Marta Álvarez Miguéns.
As outras dúas imaxes recollen senllos momentos de sinaturas dos exemplares do último libro nomeado co que a entidade lle fixo un galano á rapazada. Foi unha tarde pracenteira, da que eu saín feliz, nomeadamente polo medio cento de filloas co que fun agasallado.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.