Francisca Aguirre, "Premio Nacional de Poesía"


(video en youtube da RevistaCreacion21)
Alegroume inmenso que a poeta Francisca Aguirre, máis coñecida por ser a muller do tamén poeta Félix Grande que pola súa propia obra, veña de obter o denominado “Premio Nacional de Poesía” do Ministerio de Cultura polo seu libro Historia de una anatomía (Hiperión), que o ano pasado gañara o premio Miguel Hernández.
Francisca Aguirre (Alicante, 1930) é unha poeta serodia e o seu primeiro libro Ítaca, que publica en 1972 con 42 anos e que pasou bastante desapercibido polas condicionantes da época, é na miña opinión unha auténtica xoia literaria, con versos sublimes. Tanto é así que no meu último poemario, As crebas, tres das composicións están inspiradas por versos da súa autoría. Velaquí os meus textos, introducidos polos fermosos versos de Francisca Aguirre.
6
os deuses son palabras

los dioses son palabras,
con el silencio mueren.
«Desde fuera», Ítaca (1972), FRANCISCA AGUIRRE
Os deuses son palabras e co silencio morren, como morren salseiros mollando rostros ebrios na grata intimidade de espellos matinais.
E as pegadas do inverno sinalan un camiño de papeis amarelos nas táboas da amizade, con manchas de alcatrán que protexen o barco.
As madeiras podrecen, nin tanto galipote pode tapar as fendas, os deuses son palabras que se perden no mar como aparellos rotos.
Os cestos, os garruchos, as patelas e os paxes xa non se enchen de peixe, nin sequera de argazo, só papeis amarelos que anuncian o mal tempo.
E ti ocultas o rostro sen palabras nin deuses, deixa agora que falen do mar as atadeiras.
18
O mar (I)

Un mar, creedme, necesito un mar,
un mar donde llorar a mares
y que nadie lo note.
«Testigo de excepción», Ítaca (1972), FRANCISCA AGUIRRE
No mar de Caldebarcos atopaches o mar que ti necesitabas e os abrazos das vagas que rompían nos baixos chegaron ata as dunas e interromperon páxinas nos estáticos ollos onde se detivera a lectura do tempo, e as vagas penetraron oportunas no libro para levaren Coetzee na resaca da tarde e deixaren o sal nos tellados das casas, construcións mariñeiras con solainas de area e argazos nas varandas dos balcóns e nas portas.
No mar de Caldebarcos atopaches o mar e fostes de mans dadas nun paseo de días que trouxeron a calma mais non o esquecemento, porque o sal é perenne como o son as mareas.
19
O mar (II)

En la noche fui hasta el mar para pedir socorro
y el mar me respondió socorro.
«Triste fiera», Ítaca (1972), FRANCISCA AGUIRRE
E fuches deica o mar para pedir socorro como as voces do náufrago que oe a costa da morte, como aqueles lamentos onda a punta do Boi, cemiterio de ingleses que olla areal de Trece.
E o mar trouxo buguinas con mensaxes cifradas, de afastados lugares no horizontal das terras, de paisaxes oblicuas na vertical do tempo, que o teu coñecemento non puido transcribir.
Viñan das errabundas fantasmas do pasado que cargaban a culpa nos seus lombos fenicios.
Quixeches o comercio da túa dor atlántica coa luz mediterránea mais todo era sonámbulo desacorde dos soños, porque do mar quedaron tan só sabas de area do deserto de Siria.

Esta entrada foi publicada en Poesía, Premios. Garda a ligazón permanente.