Exposición de cartografía «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego



Onte, 23 de abril, Día do Libro, despois de cumprirmos co ritual de mercar alomenos un libro (algo para o que non necesito efemérides, pois adoito facer varias mercas no mes, desta volta tocoulle á novidade da novela Faneca brava, Xerais, de Manuel Portas), ás 19.30 horas estivemos na inauguración da mostra «Galicia nos mapas antigos» no Museo do Pobo Galego.
Trátase dunha ampla selección da colección de mapas de Clodio González Pérez, mestre e etnógrafo, que ten como finalidade facer un percorrido pola historia da representación do territorio de Galicia, de maneira autónoma, na cartografía oficial. A mostra retrotráese ao mapa de Fernando de Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparecera publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603.
E resulta, a todas luces, un exercicio de historia altamente recomendable, grazas tamén ao eficiente traballo do antropólogo muxián Manuel Vilar. As explicacións do propio Clodio González Pérez tamén nos acompañaron no noso percorrido visual por unha mostra que estará aberta até o próximo 26 de maio.
Velaquí o texto de presentación tirado da páxina web do Museo do Pobo Galego.
Exposicións
Galicia nos mapas antigos
23/04/2013 – 26/05/2013
Todos sabemos que un mapa é unha representación a escala dunha superficie terrestre que posibilita unha lectura global, e desde unha dimensión humana, do conxunto dos elementos que configuran ese territorio. O mapa convértese así nun gran colector de información e un elemento necesario na vida humana, tanto para os cidadáns, que podemos utilizalos cando queremos desprazarnos ou localizar algún lugar, como para a administración pública, que os precisa para unha mellor planificación e xestión do territorio, desde a creación de novas infraestruturas ata a conservación das mesmas, pasando pola ordenación do territorio ou fomento do turismo.
Mais a realización dos mapas foi cambiando xunto á evolución das técnicas de reprodución e o progreso social. Pasaron de ser unha arma secreta do poder, que permitía un mellor control dun territorio, a ser un elemento de información preciso para a cidadanía, un elemento cunha dimensión sociopolítica.
Pero os mapas deixan de ter a utilidade práctica para a que foron concibidos. Entón, podémolos contemplar atendendo aos intereses de cada quen, mais sempre nos atraerán pola súa imaxe visual, pola información que nos dan do pasado, pero tamén porque son unha expresión do sentimento de orgullo local.
O Museo do Pobo Galego garda nos seus fondos unha interesante colección de mapas antigos. Nesta exposición mostramos os mapas que de Galicia, como unidade diferenciada, pertencentes á colección de Clodio González Pérez, mestre, etnógrafo e patrón do Museo do Pobo Galego.
A exposición pretende facer un repaso pola historia da cartografía para ver como se vai representando Galicia e a evolución desta representación ata os comezos da cartografía oficial.
Abre a mostra o mapa de Fernando Ojea, Descripcion del Reyno de Galizia, que aparece publicado no atlas Theatrum Orbis Terrarum de Abraham Ortelius a partir da edición de 1603. É o primeiro no que aparece Galicia como espazo particular de representación, fixando unha imaxe da mesma. Ata entón só a costa galega fora representada nas cartas náuticas, como nas de Lucas Jansz Waghenaer.
Deste mapa fanse posteriormente varias edicións nas que se vai retocando o perfil da liña de costa, corríxese o percorrido do río Miño ou queda trazado o límite oriental de Galicia no río Navia. Na exposición pódense ver distintas edicións.
O percorrido continúa coa cartografía do italiano Giacomo Cantèlli da Vignola ou de Tomás López, entre outros, para rematar cos inicios da cartografía oficial e pasando tamén polos mapas que representan as vías de comunicación, desde os vellos camiños reais ata proxectos non realizados de vías férreas, ou mapas de estradas, algúns utilizados tamén como soportes de propaganda turística.

Esta entrada foi publicada en Arte, Exposicións, Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.