Entrevista coa xornalista Marta López na edición de Carballo de La Voz de Galicia con motivo do lanzamento de Aramados, de Manuel García Gerpe

Foto de Basilio Bello

A edición de Carballo do xornal coruñés La Voz de Galicia vén de publicar unha pequena entrevista que me realizou a xornalista Marta López, a quen agradezo a súa atención, con motivo do lanzamento nestes de Aramados: os meus nove meses polos campos de concentración de Francia. Manuel García Gerpe (Alvarellos Editora, 2020), unha novela-documento de memoria histórica autobiográfica que traducín para a nosa lingua. No texto que se pode ler nesta ligazón e que tamén reproduzo deseguida, deito algunha luz sobre Manuel García Gerpe. De quitado do ámbito universitario que estuda a memoria histórica o seu nome tan só era coñecido na súa comarca grazas ao labor da entidade Obradoiro da História, e en particular do amigo bibliotecario e historiador Manuel Pazos Gómez, sen dúbida a persoa que máis coñece a súa biografía e a súa obra, até o punto de posuír unha copia do manoscrito dunha novela xuvenil aínda inédita e que os editores sensibles deste país deberían considerar. Foi tamén a asociación Obradoiro da História quen realizou a proposta para que o nome de Manuel García Gerpe figure desde hai anos no rueiro da vila de Ordes.

Velaquí e entrevista que tamén se pode ler na ligazón do xornal.

Miro Villar: «A figura de Manuel García Gerpe é demasiado descoñecida»

Villar traduciu ao galego a obra deste ordense, que narrou a súa experiencia en campos de concentración

MARTA LÓPEZ
CARBALLO / LA VOZ 12/11/2020

Os recentes acontecementos impediron que o autor ceense Miro Villar, doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, puidese presentar publicamente o seu último traballo: a tradución ao galego da obra Alambradas, na que o ordense Manuel García Gerpe recolleu as experiencias vividas durante os nove meses que pasou en campos de concentración.

O descoñecemento da figura de García Gerpe é tal, conta Villar, que nin sequera foi quen de atopar un exemplar do libro en castelán en ningunha biblioteca galega. «Non é coñecido nin nesta zona nin en ningunha outra fóra do ámbito universitario», asevera, mentres conta que o galego foi un destacado avogado, político, xornalista e escritor que tivo un papel importante e de responsabilidade na dirección de Izquierda Republicana.

Tras loitar en Madrid, Aragón e Cataluña, retírase en febreiro de 1939 e cruza, xunto con milleiros de españois, a fronteira francesa polos Pirineos. Condicións extremas que narra con dureza nos primeiros episodios de Aramados, unha obra de «ficción autobiográfica» que bebe da súa propia experiencia vivida durante o confinamento en diferentes campos de concentración. Matiza Villar este último termo, pois durante o nazismo adquiriron unha connotación diferente á orixinal, máis asociada ao exterminio. As condicións de vida eran durísimas, pero non tiñan por obxectivo a aniquilación dos prisioneiros.

Outro dos aspectos que destaca o ceense é que Manuel García Gerpe rompe coa idea romantizada dos ideais republicanos. «Cando se están artellando os primeiros barcos para fuxir a América, el reflicte as tensións, as pelexas e as liortas entre os diferentes partidos por colocar cada un aos seus. Tamén critica que quen organizaba os buques -dende París, lonxe da crúa realidade dos campos- privilexiase a segundo quen», narra Villar.

Editada por Alvarellos, que recuperou as fotografías que estaban presentes na edición orixinal, esta peza é unha excelente ferramenta, indica o ceense, para «coñecer de primeira man o éxodo español a Francia, así como a experiencia neses campos de concentración, moi ilustrativa».

Esta entrada foi publicada en Biografía, Documental, Entrevistas, Historia, Manuscritos, Narrativa, Política, Sen categorizar. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta