En Carballo no verán do ano 1992


(De esquerda a dereita, Miguel Anxo Fernán-Vello, no uso da palabra, eu propio, Henrique Rabunhal, Bernardino Graña e Xosé Manuel Eirís. Foto de José Manuel Casal)
A sección “Tal como éramos” da edición comarcal de Carballo de La Voz de Galicia reproduce hoxe unha fotografía do verán de 1992 e ao pé inclúe algúns datos sobre a mesma, sen citar o motivo do acto e a totalidade dos participantes. Pois ben, trátase dunha presentación literaria organizada por quen naquela altura era o técnico cultural do Concello de Carballo, o cantautor Xosé Manuel Eirís (falecido de maneira prematura). O poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, que acababa de fundar a editorial Espiral Maior, presentaba aos autores dos libros catro, cinco e seis da súa colección: Himno verde, de Bernardino Graña; Ausencias pretéritas, da miña autoría e Poemas da luz e da loucura, de Henrique Rabunhal. Todos tres intervimos para ler unha escolla dos nosos versos.
Xosé Manuel Eirís García de Seárez, admirable persoa a quen coñecín e tratei, mais moito menos do que quixera, pois faleceu en 1996 aos 37 anos, gravou o disco Ese lago inmenso (1988), que incluía varios temas entre os que salientarei a súa versión do poema “Ai, amante” de Álvaro Cunqueiro. Malia que a calidade do son non é boa, déixovos coa súa voz (que algúns confundían coa de Amancio Prada a pesar dos matices) desta volta interpretando unha versión da canción do cantor portugués Fausto intitulada “O que a vida me deu”.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.