#Efeméride No 56 cabodano do escritor muxián Gonzalo López Abente


(Fotografía da lousa. Sen datar e sen autoría. Fondo da Real Academia Galega. Vía Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia)

Gonzalo López Abente  finou o 22 de xullo (segundo a lousa) ou o 23 de xullo de 1963 (nas fontes documentais), á idade de 85 anos, na casa de seu na rúa Virxe da Barca, sendo soterrado como sinalan as palabras de Sebastián Martínez-Risco:

“cando dabamos terra ao corpo mortal do poeta no outo e recollido camposanto muxián, nun loitoso día, vispra da festividade do señor Sant-Iago, no que, como si a natureza quixera orquestar o loito, ventaba do nordés e o mar esboufaba contra dos rochedos de alá embaixo”. A prensa galega e da diáspora publica necrolóxicas que lembran a importancia da súa obra literaria e a afabilidade da súa persoa.

Seu amigo, o dramaturgo Jenaro Marinhas del Valle escribe o soneto elexíaco “Gonzalo López Abente” laiándose da súa morte, texto que foi recuperado nunha edición recente (Cfr. Marinhas del Valle, Jenaro (2008), Amarga memoria. Edición, prólogo e notas de Lino Braxe, Pablo González Mariñas e Alexandrina Fernández Otero. A Coruña: Espiral Maior. p. 21. Sen datar, o poema debeuse escribir en 1963 porque fala do seu pasamento.

GONZALO LÓPEZ ABENTE

O lembro com saudade, abofé!
O poeta mareiro de Mugia,
era grato na sua companhia
ir tomando sorbo a sorbo um mau café

que nom era do Brasil, mas da Guiné
pois viviam-se tempos de autarquia
porque era fraca a hispana economia
non estirava mais da manta o pé.

O franquismo nos anula e ataranta
selando-nos as vozes na garganta
e só achamos consolo na amizade.

Maus tempos convivemos em juntança,
finou o amigo a sua vital andança
e fico comesto de saudades.

Jenaro Marinhas del Valle

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Estudos literarios, Narrativa, Obituarios, Poesía, Teatro. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta