Dióxenes en Dolorida e Tara, novelas finalistas da XXX edición do premio de novela longa Eduardo Blanco Amor


(De esquerda a dereita, Manuel Lourenzo González, Daniel Romero -Técnico de Cultura-, Rocío A. Bértoa Puente -concelleira de Cultura-, eu propio, Xosé María Dobarro Paz e Marga Romero. Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O ritmo de anotacións nesta bitácora demorou moito debido á lectura dos orixinais das 55 novelas (aínda que unha delas foi retirada) apresentadas á XXX edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor. Foron moitas horas de traballo que, polo de agora, rematou o pasado sábado 23 de novembro cando debatemos entre os títulos que chegaron á penúltima votación: Cadeas; Corazón de manteiga; Dióxenes en Dolorida; O xardineiro dos ingleses; Tara e Xente espida en chandal.
Finalmente a novela gañadora vai estar entre as dúas intituladas Dióxenes en Dolorida e Tara, tal e como recolle a información do portal Fene cidadán que reproduzo deseguida:
«O xurado, reunido na tarde do pasado venres na Casa do Concello de Fene, acordou, por maioría, proclamar finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas baixo o título: Dióxenes en Dolorida e Tara.
Na tarde do pasado venres, 23 de novembro, reuniuse na Casa do Concello de Fene o xurado encargado de fallar a trixésima edición do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor presidido pola Concelleira de Cultura, Rocío A. Bértoa Puente e formado por Xosé Mª Dobarro Paz (catedrático da Universidade da Coruña), Miro Villar (poeta e crítico literaio); Marga Romero (escritora e crítica literaria) e Manuel Lourenzo González (escritor e gañador da anterior edición do Blanco Amor), actuando como secretario o coordinador técnico do Premio, Daniel Romero. O Xurado salientou a participación das cincuenta e catro obras que concorreron a esta XXX edición, deixando constancia do importante incremento de participantes, o que provocou unha longa deliberación previa e que dá a medida do interese e importancia da convocatoria do Premio de Novela Longa Eduardo Blanco Amor.
Logo das oportunas deliberacións, o Xurado acordou proclamar, por maioría como finalistas desta XXX edición, as novelas presentadas cos títulos: Dióxenes en Dolorida e Tara.
A entrega do Premio terá lugar o vindeiro sábado, 1 de decembro, no decurso dunha gala que se desenvolverá no local da SCRD Agarimo de Sillobre e que contará coa actuación do grupo de jazz Cool Hamsters».

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Premios. Garda a ligazón permanente.