Da Gallaecia á Provincia Nostra. Viaxe á Provenza e parte da Occitania (II): Unha nova crónica da profesora Xela Cid


(As fotografías que ilustran esta anotación son de propia autoría)
A xeira anual do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom), «Da Gallaecia á Provincia Nostra. Da Gallaecia á Provincia Nostra. Viaxe á rexión da Provenza e parte da Occitania», que nos levou a viaxar entre os días 14 e 22 de xullo polas terras provenzais dos departamentos de Bouches du Rhône e Vaucluse e polas occitanas dos departamentos de Haute Garonne, Aude e Gard, tivo unha segunda e moi completa crónica que realizou a profesora Xela Cid e que pode ler no propio sitio web do SemEsCom.

Impresións da viaxe do SEMESCOM á Provenza (14-22 de xullo de 2017)
Por Xela Cid
Un ano máis o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) fixo a xa tradicional viaxe estival, tras nove anos consecutivos de variados destinos por Europa.
Foi un percorrido polas rexións francesas da Provenza e parte da Occitania, no sur do país veciño, que xa visitamos noutras ocasións e que sempre nos sorprende pola súa riqueza arquitectónica, histórica, cultural e natural.
Coñecer Francia polo miúdo dá para moitas viaxes pola súa gran diversidade. Disque cada rexión é distinta visual e sentimentalmente.
Temas e obxectivos
Os temas principais nesta ocasión e os obxectivos propostos  e conseguidos foron variados. O SEMESCOM fixo un achegamento durante nove días a aspectos diferentes deste sur francés.

1.- Visitar grandes cidades coma Toulouse e Marsella, e outras máis pequenas e vilas sobranceiras. En total, unhas vinte localidades, todas con características propias que as fan únicas.
Na primeira etapa da viaxe foi o encontro con Toulouse, a cidade rosa, á beira do río Garona e con arume a violeta.  Logo, Carcassonne, coa cidadela,  a maior cidade fortificada de Europa, patrimonio da UNESCO.  Axiña chegariamos á fabulosa fortaleza papal de Avignon, para gozar por unha noite do ambiente na rúa do seu famoso festival de teatro.

2.- Seguir as arterias fluviais naturais, os grandes ríos que marcan o sur de Francia: o Garona, pirenaico, que remata no Atlántico no amplo esteiro da  Gironde; e o Ródano, alpino, que vai ó Mediterráneo formando un gran delta no golfo de León.
E unha vía artificial construída no século XVII, que amosa a súa mellor cara entre Toulousse e Carcassonne: o Canal du Midi, hoxe patrimonio da UNESCO.
3.- Descubrir o legado impresionista e, sobre todo, o postimpresionista, en Aix-en-Provence, a cidade de Cézanne, coa súa montaña de Saint Victoire, e seguir os pasos de Van Gogh pola cidade de Arlès.

4.- Explorar o extraordinario patrimonio romano de Orange, co seu magnífico teatro, os anfiteatros de  Arlès e Nîmes, que dan fe da importancia da vía Domitia que unía Roma coa Galia, ou o acueduto e ponte do Pont-du-Gard, e os restos arqueolóxicos de Vaison-la-Romaine.
5.- Sentir os roteiros da lavanda atravesando os macizos calcarios como o do Luberon, na contorna da abadía de Sénanque, por Gordes e co monte Ventoux, máxima altura da Provenza, sempre ó fondo.
6.- Gozar das paisaxes mariñas, sobre todo das Calanques de Marsella, descubertas en barco, e que son unha sucesión de entrantes que forman calas, como minirrías, e que se estenden ata a pequena poboación de Cassis. Descubrir tamén, case ó final da viaxe, as marismas da Camargue.

7.- Repasar os grandes espazos naturais desta zona, con moitos os lugares protexidos de gran valor.  Chaman a atención as grandes gorxas como a do río Ardèche, que se poden admirar dende altos miradoiros, e que remata no Pont d’Arc, maxestoso arco natural sobre o río, baixo o que nos puidemos dar un bo baño.
Tamén puidemos coñecer mellor o bosque mediterráneo e a súa riqueza florística e faunística.
8.-  Profundizamos na xeografía e na xeoloxía e percorremos carreiros coma o dos ocres do Roussillon, e achegámonos á singular vila de Les-Baux-de-Provence, que, polas súas minas, deu nome á bauxita.
9.- O estado das linguas minoritarias (máis ben minorizadas) tamén é  un dos intereses deste Seminario. E aquí atopámonos co idioma occitano ou lingua d’oc, sobre a que Xosé Mª Lema nos informou amplamente, xunto cun informe sobre a historia de Occitania, con feitos tan importantes na historia universal como a cruzada contra os cátaros (iniciada en 1208), o papado de Avignon (1309-1377) ou o Cisma de Occidente (1378-1417).
10.- Os mercados locais e a gastronomía tamén son moi importantes neste paraíso mediterráneo.

Todos estes aspectos foron traballados previamente por Chus Barbeira, Xosé Mª Lema e Antón García Losada.
Despois, xa no bus, ponse en marcha a «escola rodante» coa participación activa  dos viaxeiros que completan e achegan novas informacións, xerando un ambiente cultural e festeiro realmente singular, que fai que xantemos quilómetros sen decatarnos. É o tempo das «conferencias rodantes», dos «petiscos» ou dos «provenzais», segundo por que país rodemos.
A viaxe vai chegando ó seu fin. Despois de atoparnos co Ródano varias veces, en Arlès divídese en dous brazos (o Grand Rhône e o Petit Rhône) e avanza cara o mar formando un delta para deixar os sedimentos acumulados polo camiño. Aproximámonos ó delta en Aigues Mortes, para albiscar as marismas e as salinas da Camarga, ollar canaveiras e anátidas e mercar sal e arroz. É o agasallo final do gran río francés e europeo, reserva nacional dende 1927.

Reflexións
Así xa de regreso a Galicia, chega o tempo das reflexións.
O coñecemento cada vez máis profundo de Francia permítenos contrastar con España, e, sobre todo, coa nosa Terra, Galicia, e tirar algunhas conclusións sobre temas nos que levamos un considerable atraso e que non semellan resolverse co paso dos anos.
Francia nunca deixa de sorprendernos, e esta vez vimos con claridade que este país ten unha ordenación do territorio e un aproveitamento do solo envexable, e que non pode ser froito da improvisación, algo que nós estamos lonxe de conseguir.
Chama a atención a cuberta vexetal autóctona continua ata o cumio dos outeiros e das montañas, ou nas áridas terrazas calcarias do Ardeche. Todo o relevo, todo o campo, está ordenado e aproveitado. A conservación das sebes naturais e  as agrupacións de árbores autóctonas entre os terreos de cultivo crea diversidade paisaxística e riqueza biolóxica.
Tamén é salientable a ausencia de cables aéreos á vista, de galpóns, de entulleiras e de restos de todo tipo. A falta de poboación dispersa -todo hai que dicilo- que facilita a conservación do medio.
Tamén está o tema dos incendios. Non se ve terreo queimado. Hai unha regra que define as condición de máximo risco de incendio: é a 30-30-30. Máis de 30 graos de temperatura, menos do 30 % de humidade ambiental e máis de 30 km por hora de velocidade do vento do norte. Ningún destes factores é importante en Galicia. Ademais temos unha orografía de difícil acceso. Pero arden todos os anos miles de hectáreas.
Na Provenza sorprendeunos un grande incendio, pero vimos que se estaba atallando con celeridade e múltiples recursos. Ademais aquí as temperaturas son moi altas, baixísima humidade e forte vento. Na maior parte de Francia o terreo é chairo; máis montañoso na Provenza.
A conclusión é que aínda en condicións extremas de risco o monte só arde se se lle prende lume. En Galicia é certo que temos unha dispersión de poboación enorme e unha masa forestal inmensa de árbores pirófilas, que arden con facilidade, como os piñeiros e os eucaliptos.
Polo tanto, Francia danos unha lección importante: que temos pendente unha ordenación do territorio moi urxente e un aproveitamento do monte e das terras de labor que faga que se valoren e se respecten.
Rematamos así unha fermosísima e produtiva visita a estas rexións do sur francés.
Unha viaxe sensorial onde as haxa. Funcionaron a tope os cinco sentidos. Os ollos tiveron que adaptarse á luz provenzal cegadora, ás cores pastel de Toulouse, ó azul marsellés e ós ocres de Roussillon.
O nariz adaptouse ós arumes do xabrón de Marsella, ás violetas de Toulouse e ás lavandas da Provenza e ás aromáticas do bosque mediterráneo.
O ouvido ó canto continuo e persistente das cigarras, totalmente camufladas e case invisibles
O gusto aos sabores dunha gastronomía única mediterránea e incluso taurina.
E, finalmente, o tacto ó contacto cunha natureza contundente.
E o mellor de todo o ambiente foi a complicidade entre os viaxeiros que, como dicía un deles,  “encántame todo destas viaxes, pero sobre todo os momentos de humanidade.”
Despedímonos de Francia dende Lourdes, mirando os Pireneos e recuperando a chuvia, que non vimos nos nove días.

Lembranzas e vivencias compartidas
O grupo de viaxeiros volvemos cargados de coñecementos novos, de experiencias e de vivencias compartidas; e, por suposto, de agasallos e recordos. Toca baleirar a maleta xa nas nosas casas  cun recordo imborrable deste Midi francés.
Sen dúbida o Seminario cumpriu de sobra cos obxectivos desta viaxe e recargouse de enerxía para seguir traballando pola Costa da Morte e por Galicia.
Grazas  a todos polo traballo ben feito e ós viaxeiros por gozalo e compartilo.
Outras viaxes, outros anos, outros anacos do mundo nos esperan.
Xela Cid

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia, Lendas e mitos, Lingua, Literatura medieval, Música, Narrativa, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.