«Cousas de avós», as imaxes de Lidia Alonso no proxecto «Inédito», que dirixe Manuel Sendón



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
É un inmenso pracer dar conta nesta bitácora dunha nova entrega do proxecto «Inédito», que dirixe o fotógrafo Manuel Sendón (A Coruña, 1951), quen foi o autor da imaxe que ilustra a cuberta do meu poemario As crebas e que me cedeu de maneira altruísta e xenerosa. Sendón, que ten casa na localidade fisterrá do Sardiñeiro, doutorouse en Belas Artes en 1997 e é profesor de Fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra dende 1993, alén de dirixir o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo e de codirixir con X.L. Suárez Canal o Centro de Estudos Fotográficos.
Na bitácora do proxecto podemos ler que a serie intitulada «Inédito» presenta traballos fotográficos non publicados e pretende establecer un dialogo entre artistas emerxentes e artistas xa coñecidos, prestándolle unha especial atención aos novos artistas galegos. A dirección é do propio Manuel Sendón e conta coa axuda na tradución de textos de Xoán Cibeira (galego e castelán) e Sabela García Sendón (inglés).
Desta volta persentan o impactante e suxestivo traballo de Lidia Alonso Sánchez (O Pino, 1990) que se graduou este ano na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A min, e esta é unha impresión persoal, lembroume algo a obxectualización da recente exposición “Ars combinatoria” de Chema Madoz no compostelán Auditorio de Galicia.
As imaxes de Lidia Alonso, das que seleccionei dúas e na bitácora do proxecto pódense admirar outras, van acompañadas dun fermoso texto explicativo. Velaquí:
«Cousas de avós»
Todos os días paso polo pendello dos meus avós, un pendello ateigado de obxectos vellos, rotos, sucios… Entre eles atopei uns un tanto especiais, eran enxeños feitos a partir de anacos doutros xa obsoletos. Estes obxectos son un claro exemplo da sociedade galega de hai unhas cantas décadas, unha forma de vida na que o autoconsumo e a reciclaxe estaban moi presentes e rodeadas de orixinalidade, imaxinación e moita creatividade.
Todos os obxectos pertencen aos meus avós e están totalmente feitos por eles. Un dos aparellos ten unha diferenza respecto dos outros. Trátase dun fouciño que foi creado para suplir unha carencia física. Meu avó paterno era dinamiteiro e nunha explosión non controlada perdeu parte da man dereita, conservando tan só os dedos anular e maimiño. Por ese motivo tivo que idear un brazalete para poder suxeitar o fouciño ao antebrazo e así poder seguir traballando nos labores do campo. O resto dos obxectos están feitos polo meu avó materno. Coas súas mans crea a partir dunha vara un calzador, cunha culler e uns paus unhas pinzas para recoller noces, cunha lata de sardiñas unha rateira ou cun par de matrículas vellas unha martabela para espantar os paxaros.
Os obxectos son produto da sociedade rural galega, unha cultura no que o autoconsumo está presente e na que todo pode ser reutilizado. Pero esta idea de reciclaxe xa case non se atopa e é unha verdadeira pena que todo isto se estea a perder.

Esta entrada foi publicada en Arte, Fotografía, Historia. Garda a ligazón permanente.