Convocatoria de textos literarios éditos ou inéditos para o Pico Sacro

PicoSacro
(Fotografía tirada do sitio web da A. C. Mestre Manuel Gacio)
Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2016
Estimada/o amiga/o:
A través deste escrito convídamoste a participar nun proxecto editorial que xorde por iniciativa da Asociación Cultural “Mestre Manuel Gacio” (http://www.aaccmestremanuelgacio.gal/) e que coordinamos os escritores Xosé Manuel Lobato, presidente da entidade, e Miro Villar.
O noso obxectivo vai ser a publicación dunha antoloxía literaria, cuxos beneficios económicos (se os houber) serán integramente destinados ás campañas da devandita entidade para a divulgación do patrimonio do Pico Sacro.
A achega de cada escritor/a será un texto literario (poema ou relato) xa publicado ou orixinal e inédito que mencione ou se inspire no Pico Sacro. Se se tratar dunha novela débese extractar un fragmento significativo.
Xa temos compilado algúns textos literarios, mais cómpre agrandarmos o volume para crearmos una obra importante na cantidade e na calidade textual.
A extensión e a forma dos textos ten absoluta liberdade, porén recomendamos que a colaboración non exceda da páxina nas narracións e dos 100 versos nos poemas e a poder ser escritos en caracteres Times New Roman a tamaño 12.
E cada autor/a debe ceder todos os dereitos de reprodución do texto literario para esta edición, o que non será impedimento para que poida dispoñer do texto da súa autoría para o publicar noutro libro propio ou colectivo.
A fin de irmos organizando todo o material que integrará o volume, cómpre que nos fagas chegar, o antes que che sexa posíbel, a túa creación. Se desexas participar neste proxecto, o prazo de envío remata o vindeiro 30 de xuño.
Os textos literarios (publicados ou orixinais e inéditos) deben enviarse a calquera destes dous enderezos:
codinaenxebre@gmail.com
ou
mirovillar@gmail.com
Adiantando a nosa gratitude por colaborares nesta antoloxía, recibe unha aperta atlántica.
Xosé Manuel Lobato e Miro Villar (coordinadores)
PS.: É posible que recibas este convite duplicado, se así fose desculpa os incomodos.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Ensaio, Historia, Lendas e mitos, Narrativa, Poesía, Roteiros, Versións ou traducións. Garda a ligazón permanente.