Cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas 1963 – 2012. Cincuenta carteis. Cincuenta deseñadores. Cincuenta escritores


(Fragmento do cartaz de homenaxe a Gonzalo López Abente)
A Real Academia Galega (RAG) celebra a conmemoración do 50 aniversario do Día das Letras Galegas con varias propostas, coma este libro ou a xa recollida nesta bitácora.
Outro dos proxectos denominouse Cincuenta aniversario do Día das Letras Galegas 1963 – 2012. Cincuenta carteis. Cincuenta deseñadores. Cincuenta escritores (que se pode descargar aquí na páxina da Academia). Coa Real Academia Galega (RAG) colaboraron a Asociación Galega de Deseñadores (DAG), a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia (AEAGG), a empresa Torras Papel / Norte Papel, a Asociación Galega de Editores (AGE), a Federación de Libreiros de Galicia, a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, Anabad – Galicia, o xornal Faro de Vigo, que distribuíu a publicación de balde, e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Son 50 cartaces dedicados a cadanseu autor ou autora, que abranguen desde 1963 (Rosalía de Castro) até 2012 inclusive (Valentín Paz Andrade), asinados por outros tantos deseñadores e deseñadoras galegas e tamén con medio cento de brevísimos textos escritos ad hoc por autoras e autores de todas as promocións literarias vixentes.
Alén da publicación, onte, Día das Letras Galegas, no xornal Faro de Vigo, a maiores fíxose outra edición de mil exemplares que está a ser repartida por colexios e bibliotecas de todo o país por conta da Asociación Galega de Editores.
Colaborei nesta díficil angueira de sintetizar o perfil dun autor ou autora en escasos caracteres, pois a AELG pediume que me ocupase da figura de Gonzalo López Abente e elaborei un textiño que xoga a xuntar os títulos de catro das súas obras: Escumas da Ribeira (s. d., 1914?), Do outono (1924), Centileos nas ondas (1958) e o poemario que deixara inédito Bretemada (2011), escrito entre 1917 e 1922. Con ese xogo de palabras pretendín salientar o seu carácter de poeta atlántico e do mar, tal e coma o definira Vicente Risco.
Na bretemada do outono
os centileos nas ondas
e as escumas da ribeira.
De por parte, a ilustración do cartaz de homenaxe a Gonzalo López Abente, cuxo pdf pode descargarse aquí, corresponde ao deseñador José Antonio Pérez Gil.

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Arte, Banda deseñada, Ensaio, Historia, Lingua, Narrativa, Poesía, Teatro, Xornalismo. Garda a ligazón permanente.