«Cidadán Kane», a lembranza de Xosé María Costa Lago

SilverKane2
Ao fío da anterior anotación, Xosé María Costa Lago, a quen cito nela como o meu iniciador na lectura do xénero, envioume esta agarimosa e emotiva lembranza de Silver Kane (Francisco González Ledesma), que titulou como a marabillosa película dirixida e interpretada por Orson Welles, Citizen Kane (1941).
Deseguida reproduzo a mensaxe coa súa licenza. Obrigado e moitas grazas polo teu envío e a túa amizade.
CIDADÁN KANE
Estimado Miro,
Efectivamente, deixounos Silver Kane, agora que tanta falta facía para limpar a pradaría de malvados e corruptos. Canto temos cabalgado ti mais eu na compaña do vello Kane! Se non devoramos as súas obras completas, pouco lle faltou. Logo, perdemos a virxindade ao comprobarmos que o «Lejano Oeste» cabía nun deserto de Almería.
Tampouco sabiamos, por aquel entón, que a exitosa sinatura de Silver Kane agochaba un gran escritor co nada «glamouroso» nome de Francisco González Ledesma, vítima, coma tantos outros, da brutal censura franquista.
Pistoleiro a soldo do libro de peto, este fillo de vencidos axudounos a pensar un mundo libre e violento, o sangue a cachón polas feridas das balas (nada que ver con don Marcial Lafuente Estefanía, que mataba con elipses desconcertantes), un mundo no que, ao final, impartíase xustiza, e o malo sempre apandaba, e non morría na cama.
Forasteiro, que saibas que morreu Silver Kane. Só nos queda, xa que logo, apurar un longo grolo de whisky de cor arnés de cabalo. E logo outro.
Unha aperta,
Costa

Esta entrada foi publicada en Memoria Literaria, Narrativa. Garda a ligazón permanente.