Cee, dun alcalde imputado e procesado até un exalcalde trampón ou trapalleiro


(Reprodución documental de galizalivre)
Cee é o concello no que nacín e no que botei a metade da miña vida, alén de o visitar con frecuencia para estar perto da miña nai, por iso sempro digo que é “o meu concello”, malia estar empadroado desde hai ben anos en Compostela. Pois ben, nese meu concello cheira moito a podre a clase política. Temos un alcalde independente imputado e procesado por até seis delitos e que con toda certeza (malia a lentitude da xustiza) vai ser inhabilitado por varios anos cando se produza a sentenza. Velaí a razón pola que eu rexeitei recibir das súas mans, en calidade de presidente de Neria, unha distinción denominada Faro Nerio, como xa contamos nesta bitácora.
E agora, un exalcalde do PP, chamado Antonio Domínguez, sae á palestra polas súas prácticas dirixidas á caza do voto emigrante para o próximo 20-N. A lebre levantouna o portal independentista galizalivre a través dun seu colaborador na Arxentina e até agora só se fixo eco desta nova, citando a fonte e reproducindo o documento, o dixital quepasanacosta. Outros medios tamén deron conta da nova, mais sen citar a proba documental e a súa orixe. Polo demais, a carta é ben clara, aínda que Domínguez anda a desculparse dicindo que só pedía o carné de identidade para que non entrasen nos actos e nas paparotas persoas que non tiveran a condición de emigrantes ou fillos de emigrantes; mentres o seu partido limítase a dicir que foi unha iniciativa persoal que non contaba co apoio dos dirixentes. Non cómpre ser moi listos para sabermos cal é o obxectivo final deste novo xénero epistolar.
Velaquí a transcrición que non deixa lugar a dúbidas:
Querido amigo/a:
José Antonio Domínguez García, exalcalde de Cee y encargado por el Partido Popular para las elecciones de (sic) 20 de Noviembre, en Argentina, para los ayuntamientos de la Costa da Morte.
Te invita a un acto que tendrá lugar en Octubre en un lugar por determinar en Buenos Aires, para poder asistir tendrás que retirar la invitación en C/MORENO 1768 de la capital BsAs, los días 14, 15, 17, y 18 de Octubre, de las 4 a 8 de la tarde, que estaré yo allí para darte la invitación, para lo cual deberás traer una copia del Carnet de Identidad o del Pasaporte.
Esperando verte esos días en Buenos Aires, te mando un abrazo muy afectuoso.
En Cee a 29 de Septiembre del 2011.
(Asinatura)

Esta entrada foi publicada en Epistolarios, Historia, Manifestos. Garda a ligazón permanente.