«Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

SalonLibro2016
Hoxe abre o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que se celebra baixo o lema «Canta bichería!» e mañá, día 2 de abril, conmemórase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co fin de lembrar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, autor prolífico de contos infantís (e non só). No sitio web de Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) pódese ollar o cartaz do ilustrador brasileiro Ziraldo e ler a mensaxe da escritora tamén brasileira Luciana Sandroni para esta data.
Teremos oportunidade de nos achegar a este «Canta bichería!», XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxo ben completo programa definitivo pódese consultar nesta ligazón, e onde supoño han estar nas exposicións a maioría dos sete títulos de literatura infanto-xuvenil que escribín, aínda que como xa contei aquí, o meu achegamento foi serodio e produciuse cando presentei o conto Carlota, a marmota que non podía durmir a un certame literario, sendo merecedor do XXIX Concurso Nacional de Contos Infantís convocado pola coruñesa A. C. O Facho en 1998, que tardaría aínda uns anos en ser ilustrado e publicado no catálogo de Xerais, no que na actualidade non aparece por se tratar dun libro esgotado hai anos.
Velaquí a miña amada «bichería»:
Carlota,amarmota
Carlotaeabota
Carlotaeagaivota
Unha marmota é a protagonista da triloxía Carlota, a marmota que non podía durmir (Xerais, 2000); Carlota e a bota perdida (Xerais, 2002) e Carlota e a gaivota patiamarela (Xerais, 2006), todos tres ilustrados por Luís Castro Enjamio. No primeiro a marmora dialoga con osos, castores, leiróns e esquío e no terceiro relaciónase cunha gaivota patiamarela.
cobiza
Unha chea de vermes bos ou malos protagonizan A cobiza do verme Noel (Galaxia, 2011), que ilustrou Marta Álvarez Miguéns.
Rebeliónnacharca01
E finalmente ras, sapos e tamén píntegas ou salamántigas enchen as páxinas de Rebelión na charca (Sotelo Blanco, 2012), que ilustrou Ana Santiso.

Esta entrada foi publicada en Banda deseñada, Contos, Exposicións, Infantil, Narrativa, Poesía, Xornadas. Garda a ligazón permanente.