Breve anotación sobre a presenza de Franz Schubert na literatura galega


(Sinfonía Nº 5 D. 485, de Franz Schubert, interpretada pola Orquestra de Cámara de Moscú. Director: Rudolf Barshai, finado en 2010)
Esta mañá puiden acompañar a Ignacio Portela, profesor de Música, e ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO do CPI Viaño Pequeno, a un concerto didáctico no Auditorio de Galicia, unha grata experiencia que adoito o noso alumnado non chega a valorar na súa xusta medida, a importancia de asistiren a eventos coma este, e o mesmo poderíase dicir se falamos dunha representación teatral ou da visita a unha exposición nun museo artístico, científico ou o que for, e mesmo dun roteiro a realizar no medio natural ou no noso patrimonio cultural.
Sempre lembro que na miña etapa de alumno da antiga EXB ou do antigo BUP en Cee raras eran as veces que faciamos unha saída e o saber musical, dispensado por profesorado que adoitaba ser de Historia e sen coñecementos da materia, ficaba en moita Historia da Música (debín aprender o nome de todos os compositores) e nalgunha audición, sen estímulo ningún.
E hoxe foi un deleite poder escoitar unha orquestración formada por profesorado da Real Filharmonía de Galicia e alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, baixo a batuta do director galego Diego García Rodríguez, quen nos ofreceron un concerto didáctico coa interpretación da Sinfonía nº 5 de Franz Schubert, unha peza que neste 2016 cumpre douscentos anos de historia. Escoitamos a totalidade da sinfonía, mais ao principio e no intervalo entre cada unha das partes o director ofreceunos breves explicacións didácticas.
Coa música de Franz Schubert aínda na cabeza lembrei que o austríaco debe ser un dos compositores que máis inspirou a nosa literatura. Lonxe de facer un estudo exhaustivo, para o que este non é o lugar e tampouco teño moito vagar, veume á memoria o moito que era aprezado pola poeta Luísa Villalta, tristemente finada en 2004 con tan só 47 anos, e polo seu compañeiro o compositor e tamén escritor Paulino Pereiro. Este último ten unha narración, que foi finalista do Premio «Manuel Lueiro Rey» de Novela Curta, intitulada Sinfonía cíclica (Sotelo Blanco, 2004, col. Medusa / Narrativa), cuxa temática está centrada no mundo da música e dos músicos. Desta recensión sen asinar tirada do Informe de Literatura 2004, dispoñible na web do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (http://www.cirp.es) en recursos en liña, reproduzo este fragmento argumental:
«O punto de partida sitúase na chegada de Lucrecia Ferreira, violinista de trinta e un anos, a unha pequena cidade de provincias para ocupar a praza de concertino da Orquestra Sinfónica. A partir deste inicio, a historia avanza e retrocede para reconstruír o pasado de Lucrecia e, á par, ir presentando a situación actual da protagonista. Deste modo, cóntase a súa infancia lisboeta, os estudos de violín, o amor por Federico, a estadía durante sete anos como primeiro violín na Orquestra de Cámara Franz Schubert de Nova York, os dous anos en Praga dedicados a facer música de cámara con Tatiana Wilz, pianista de éxito, e o amor por Franz Groll, o poeta. Lucrecia sente que o pasado é un lastre do que debe desprenderse; mais non lle é fácil ilusionarse con proxectos de futuro e adaptarse á súa nova vida nin aos seus novos compañeiros de orquestra».
E entre as e os poetas a presenza de Franz Schubert é moito maior, tanto entre os que recoñecen a súa inspiración explícita nas súas Autopoéticas, como Vicente Araguas (aquí) como tamén implícita nos propios versos. Entre eles salientarei dous exemplos sobranceiros:
Manuel Álvarez Torneiro, no seu multipremiado libro Os ángulos da brasa (Kalandraka, 2015) dialoga moito coa música e na elexía que escribe para a finada Luísa Villalta aparece de esguello a música de Schubert.
Porén, teño para min, que o poema máis «schubertiano» da nosa literatura é un soneto de Xavier Seoane, dedicado á poeta Olga Patiño, que se inclúe na oitava parte «Dunha secreta heráldica (Homenaxes)» do libro Vagar de amor e sombra (Deputación de Pontevedra, colección Tambo, 2004) e que reproduzo deseguida:
SCHUBERT
A Olga Patiño
Como unha toupa fiel, melancolía,
visitabas o claro camarada
da ensoñación máis pura e desolada,
da tenrura máis lene e fuxidía.
Nada, no seu xardín, avivecía
como a rosa infinita e namorada
dunha vida ao inmenso ceo alzada
no máis nocturno resplandor do día.
Compañeiro do mosto gris da lúa,
acollía o seu corpo estremecido
a unha paixón inconsolable, núa.
E era o tremor dun astro embebecido
procurando ese ardor que se extenúa
na imposible canción do eterno olvido.
Xavier Seoane

Esta entrada foi publicada en Música, Narrativa, Poesía. Garda a ligazón permanente.