Breizh no «Taboleiro do libro galego» (III)


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O profesor e crítico Ramón Nicolás vén de publicar na súa bitácora Caderno da crítica a terceira entrega do «Taboleiro do libro galego» (III) para dar conta das vendas que rexistra a nosa literatura. Desta volta abrangue a quincena que vai do 1 ao 15 de febreiro, con datos fornecidos por 15 librarías galegas moi significativas.
E vén acompañada da boa nova de que na listaxe dos libros de poesía figura o meu poemario Breizh (Toxosoutos, 2012) á cabeza os libros que interesan a lectoras e lectores, aínda séndomonos conscientes da cativa tribo, mais fiel, que isto significa.
Velaquí a anotación previa á listaxe de vendas que realiza Ramón Nicolás:
«Continúa a entrega destas listaxes dos libros galegos máis vendidos que, desde agora, recollerá quincenalmente as modificacións que se produzan en todos os xéneros, de as houber. Desde esta entrega incorpórase á listaxe a libraría moañesa «O Pontillón». Tanto a esta última como ás librarías restantes, cuxos logos se reproducen á dereita, o meu agradecemento pola súa colaboración».
O taboleiro inclúe os libros galegos máis vendidos na última semana e que, por operatividade, se clasifican por xéneros: NARRATIVA, POESÍA, ENSAIO-TEATRO, INFANTIL-XUVENIL, ÁLBUM ILUSTRADO e BANDA DESEÑADA.
E velaquí a listaxe nos títulos de poesía, na que me acompañan os amigos Elvira Riveiro Tobío e Fran Alonso, con dous magníficos libros que recomendo vivamente, aínda que o segundo sexa unha reedición, moi especial porque leva ilustracións do propio autor. Beizóns!
1º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
2º-. Carnia haikai, de Elvira Riveiro, Caldeirón.
3º-. Cidades, de Fran Alonso, Edicións Xerais.

Esta entrada foi publicada en Poesía. Garda a ligazón permanente.