«Biblioteca», un poema inédito de Xoán Carlos Domínguez Alberte para o Monte Pindo

MontePindo-XoánCarlos
(Poema con dedicatoria e sinatura autógrafa)
Andamos a argallar un proxecto editorial para compilarmos textos literarios (poemas ou relatos) xa éditos ou orixinais e inéditos que mencionen ou que se inspiren no Pico Sacro, que xorde por iniciativa da Asociación Cultural “Mestre Manuel Gacio” (http://www.aaccmestremanuelgacio.gal/) e que coordinamos os escritores Xosé Manuel Lobato, presidente da entidade, e eu propio.
E ao poeta de Escudeiros e caro amigo Xoán Carlos Domínguez Alberte non lle parou a cabeza e fíxome chegar un poema para o Monte Pindo, que ben podería figurar no volume Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, que tiven a honra e o pracer de coordinar cabo de Francisco “Chisco” Fernández Naval, coeditado por Toxosoutos e a Asociación Monte Pindo Parque Natural, grazas a unha ampla listaxe de subscritores/as que fixeron posible a publicación co seu apoio económico en financiamento colaborativo, e onde Xoán Carlos Domínguez Alberte xa publicara un poema intitulado «Petróglifo 2011».
Velaquí a súa nova entrega sobre o Monte Pindo, que moito lle estimamos.
Biblioteca
queimáronse as pedras
e as follas dds árbores
segouse a vista
con herbicida na herba
provocouse a desolación
coa asfixia do ar
mais na biblioteca
do Monte Pindo máis
retoñan as follas
do lume novo
con semente de pan
incombustíbel
con sabor a gran
da palabra autóctona
liberdade
Xoán Carlos Domínguez Alberte, inédito
XoánCarlosDAlberte

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Autografías, Poesía. Garda a ligazón permanente.