As crebas, mañá presentación en Muxía


(Fotografía da portada de Manuel Sendón)
No xornal dixital Quepasanacosta adoitan tratarme con moito cariño e con moito respecto, cousa que é de agradecer a Ubaldo Cerqueiro e a todo o equipo que fai posible esta empresa. Hoxe son o único medio que reproduce por completo as agarimosas e xenerosas palabras que os compañeiros da Fundación Gonzalo López Abente enviaron á prensa para a presentación do meu poemario As crebas, acto que se vai celebrar mañá ás 21:00h na Praza do Cabo da Vila de Muxía e no que participarán o presidente da Fundación e alcalde de Muxía, Félix Porto, o escritor e vicepresidente da Fundación, X. H. Rivadulla Corcón e o poeta fisterrán Alexandre Nerium. De todo o que din éncheme de ledicia e de orgullo especialmente este parágrafo: “Durante moitos anos de silencio sobre a figura e a obra de López Abente, a única fonte á que se podía acudir –se non se dispoñia de edicións antigas– para ter de primeira man os textos do autor foi esta publicación de Miro Villar. A Fundación quere agradecer a Miro Villar o seu traballo, gardando a memoria de poetas como o propio Abente, Paz Lestón, Antón Zapata e outros”. Detrás de todos esas edicións hai sempre moitas horas de traballo en silencio, mais abonda para se sentir satisfeito cando se goza do recoñecemento da xente amiga. Moitas grazas e obrigado. Nesta semana precisamente andei a voltas coas correccións do que vai ser a edición dese inédito Bretemada de Gonzalo López Abente, que axiña vai levar ao prelo a editorial Alvarellos.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía, Presentacións. Garda a ligazón permanente.