Artigo en QPC (XCIV): Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega

Hai poucos días, e con escasa repercusión mediática, produciuse unha excelente nova ao se dar a coñecer a dixitalización por parte do Repertorio da Prensa da Emigración Galega, creado no Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega, dunha histórica cabeceira da prensa costeira na diáspora americana. Os exemplares recuperados na dixitalización proveñen da xenerosa doazón realizada polo antropólogo muxián Manuel Vilar Álvarez, actual director do Museo do Pobo Galego. Trátase dunha colectánea de 15 números do Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía, que van desde o nº 4 (31 de xullo de 1928) até o derradeiro da publicación, nº 18 (abril de 1934).

Están accesibles para libre descarga na seguinte ligazón:

http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca/cabeceira/index.php?p=1828&id=406

E van precedidos da seguinte anotación explicativa:

«O Repertorio da Emigración Galega incorpora esta mes unha nova publicación. Trátase do Boletín da Sociedad Agraria y Cultural de los residentes del Distrito de Mugía en Arxentina. Entre os seus cometidos figuraba informar aos seus socios do labor desenvolvido pola Comisión Directiva. A publicación comezou en 1923 pero despois de editar tres números tivo un parón debido a problemas de financiamento. Retomou en 1928 cos ingresos obtidos pola publicidade de numerosos negocios de muxiáns residentes na capital arxentina.

Ademais de informar das actividades sociais (celebración das festas patronais, festivais, comidas campestres, axudas aos socios necesitados etc.), dedica moitas das súas páxinas a tratar o tema da educación no concello natal. Consideraban a cultura e a educación como prioritaria para o desenvolvemento da súa terra e mandan axudas ás escolas das parroquias de Muxía, moi abandonadas polo Estado. Publica cartas e artigos dos mestres e anuncia a recollida de fondos dende América que se enviarán para o mantemento dos edificios escolares, a compra de materiais e mobiliario ou os premios ao alumnado. Tamén hai colaboracións e artigos de temática agrarista, como a de Juan Rof Codina, analizando o problema agrario e gandeiro galego e achegando pautas para a súa modernización.

Conta cunha ampla sección de “Ecos de Sociedad”, onde aparecen os nacementos dos fillos dos socios, bautizos, compromisos matrimoniais e casamentos, tanto en Arxentina como en Muxía, viaxes dos socios a Galicia, falecementos de socios ou familiares etc. Aparece unha relación das diferentes directivas e comisións encargadas de levar a cabo as finalidades dos seus estatutos e unha nómina de todos os socios por parroquias. Tamén recolle informacións do distrito de Muxía e numerosas colaboracións literarias e artigos de temática variada sobre Galicia.

A Sociedad Agraria y Cultural de los residentes del Distrito de Mugía en Arxentina foi fundada o 30 de xaneiro de 1923 por un grupo de exsocios, naturais de Muxía, da sociedade ABC del Partido Judicial de Corcubión, descontentos co seu funcionamento. Nas páxinas do boletín hai numerosas referencias á ABC e ás disensións que teñen ambas as dúas asociacións, rexeitando a súa posible fusión.»

O legado cedido por Manuel Vilar Álvarez xa o coñecía eu na década dos noventa e foime de moita utilidade na redacción da miña Memoria ou Tese de Licenciatura, A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero que foi lida e defendida o 29 de xullo de 1997, perante un Tribunal que presidía o finado profesor doutor Benito Varela Jácome e polos profesores doutores Arturo Casas Vales, Francisco Fernández Rei e Dolores Vilavedra Fernández. O poeta Xervasio Paz Lestón foi a verdadeira alma mater do Boletín.

Nesa mesma altura tiven que profundar un pouco máis no estudo do devandito boletín periódico, cando principiei a traballar como bolseiro de investigación (rematada a carreira de Filoloxía Galego-Portuguesa) no proxecto do Dicionario da Literatura Galega, que publicou Galaxia, coa coordinación da crítica e profesora de Literatura Galega na USC Dolores Vilavedra, pois tiven a honra de ser un dos redactores que elaborou as fichas dos volumes II. Publicacións periódicas (1997) e III. Obras (2000). No primeiro volume o artigo sobre este Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía é da miña autoría, aínda que por decisión editorial as fichas non van asinadas polo autor da entrada de xeito que cada quen puidese responsabilizarse do texto que se publicou. Velaquí a miña achega descritiva:

BOLETÍN DE LA SOCIEDAD CULTURAL Y AGRARIA DEL DISTRITO DE MUGÍA.

A Asociación Benéfica Cultural do Partido de Corcubión, de Bos Aires, editora de Alborada (vid.) tivo unha escisión no seu seo que deu lugar á “Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía”, entidade que publica este Boletín. Apareceu en 1923, aínda que o primeiro número que coñecemos o nº2, de xaneiro de 1924, e o último o nº18, de abril de 1934. Se a revista da ABC tiña periodicidade mensual, este boletín adoitaba sacar un máximo de dous ou tres números cada ano. A alma mater da revista é o poeta muxián Gervasio Paz Lestón, daquela vicepresidente e tamén membro destacado da subcomisión redactora do boletín. Paz Lestón convértese en presidente en maio de 1930, continuando no equipo de redacción, aínda que no último número consultado xa aparece explicitamente como director do mesmo. Nos seus contidos non se diferenciaba moito nin da propia Alborada nin de calquera outra revista dunha entidade da emigración. Inclúe numerosos poemas en galego do propio Gervasio Paz Lestón, ás veces asinados cos pseudónimos “Alma Nobre” e “Buserán”, e tamén de Victorino Abente Lago, Lois Castro Pena, Gonzalo López Abente, O Marqués de Figueroa e doutros escritores de menor trascendencia como Jacobo Ozón, Pedro Toba ou Ernesto Pérez Muíño. Os contos en galego levan a sinatura de Otero Pedrayo e Avelino Rodríguez Elías, autor dunha sección chamada “No turreiro” que tamén é reproducida en moitas outras revistas deste tipo. Ademais publican a novela curta “A buserana” de Gonzalo López Abente, que se reproduce por entregas, e unha peza teatral de Leandro Carré Alvarellos. Igualmente reproducen artigos en galego de Castro Pena, Benito Graíño, Otero Pedrayo, Alfredo Canalejo, Johán Vicente Viqueira, Eduardo Blanco Amor, a serie “Leria nova” de Vicente Risco, ou outros asinados cos pseudónimos Roxerius, Dedalus ou Xalleiro, que corresponden respectivamente ao curmán de Manuel Antonio, Roxelio Pérez González, a Rafael Dieste e a Gervasio Paz Lestón, xunto a outros artigos en castelán do propio director e de galeguistas como Juan Rof Codina, Avelino Rodríguez Elías, Alonso Ríos, ou Antón Villar Ponte.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta