Artigo en QPC (LXXXVI): O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para exhumar un documento que testemuña como o poeta laxés Antón Zapata García foi considerado prófugo da xustiza española. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española

Na miña tese de doutoramento, dirixida polo profesor Xesús Alonso Montero, cuxo título foi A poesía galega de Antón Zapata García. Edición e estudo (traballo académico de libre acceso na páxina de poesiagalega.org ou nesta ligazón da USC) e despois no capítulo intitulado «Os anos da infancia e da mocidade en Laxe» do libro Antón Zapata García. Biografía dun poeta emigrado ao servizo da II República (Laiovento, 2009) abordei as posibles causas da emigración de poeta laxés Antón Zapata (1886-1953) cara á cidade bonaerense e salientaba o que vai deseguida:

«Pouco máis sabemos dos primeiros anos do poeta, ata que no verán de 19031, con tan só 17 anos, marchou embarcado cara á Arxentina2. Nesa altura xa falecera a súa nai, feito que puido condicionar a súa decisión. A razón da súa marcha non está clara, aínda que é moi probable que os problemas do poeta e dos seus irmáns coa madrasta fosen decisivos3 para que primeiro emigrase o propio Antón e logo, cando xa estaba asentado, seguisen o mesmo camiño o resto dos seus irmáns e outros parentes. Cómpre lembrar que, con anterioridade, seu avó materno José García Pondal viaxara en varias ocasións ata a Arxentina.

Ora ben, sen negarmos as desavinzas familiares, tampouco se pode descartar que a motivación primixenia estivese no feito de que fixera os dezasete anos e quixese eludir coa emigración a chamada a quintas. De feito, todos os estudos realizados sobre as causas4 das correntes migratorias nesta época adoitan sinalar esta entre as máis importantes, pois o servizo militar implicaba nesa altura un longo afastamento e a posibilidade de participar nas campañas africanistas do exército español. Ademais, non debe ser casualidade que o longo poema narrativo «A crus da Rosa» relate, nomeadamente no capítulo XV, a historia dun mozo que emigra para eludir as quintas. Estes versos ben puideran basearse na propia experiencia autobiográfica, malia que unha advertencia inicial sinale:

Todol-os persoaxes que figuran con nomes ou alcumes n-este poema, non alluden a ningunha persoa de reial eisistenza, eisceizón feita do gaiteiro «O FRESCO», ao que o aitor conóceu sêndo rapás.

O devandito capítulo deste mesmo poema, moi interesante desde o punto de vista antropolóxico, tamén sinala a causa económica como responsable de que a xente de Laxe emigrase naqueles anos a destinos tan afastados como Arxentina, Cuba ou Filipinas.

Tampouco lle importaba dos veciños

que, de Laxe, con él, â Cruña, viran,

i-en negros trasatrantes imigraran

pra Habana e Filipinas…,

¡pois os homes de Laxe, a todos ventos,

pol-o mundo se vân, como anduriñas,

máis que nada, por moda, pol-o infruxo

de algún que enriquecío sin legría!,

¡¡case todal-a vida n-un taboeiro

espendendo texidos ou bebidas!!…»

Un recente testemuño documental, propiciado polo proceso de dixitalización da prensa histórica, vén a demostrar que a verdadeira causa da emigración estivo nese feito de que Antón Zapata viña de facer os dezasete anos e quixo eludir coa emigración a chamada a quintas. Concretamente, o Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, núm. 102, do 4 de maio de 1908, na súa páxina 434, publica o acordo do concello de Laxe para o declarar «prófugo». Neste Boletín e noutros de datas próximas aparecen publicadas requisitorias semellantes de moitos concellos. A que nos interesa di o seguinte:

Ayuntamiento de Lage

El Ayuntamiento, en sesión de 13 del corriente acordó declarar prófugos á los mozos del actual reemplazo que faltaron al acto de clasificación y declaración de soldados, y á los del reemplazo de 1907 que no se presentaron en la Caja para ser destinados á Cuerpo.

De unos y otros se expresan los nombres y números del sorteo á continuación:

Reemplazo de 1908

[Segue unha listaxe de 15 nomes]

Reemplazo de 1907

[Segue unha listaxe de 7 nomes, entre eles figura Antón Zapata García]

Ruego á las autoridades y más agentes procedan á la busca y captura de los indicados mozos, y, en caso de ser habidos, los ponga á mi disposición.

Lage 22 de Abril de 1908. – El Alcalde Ramón López.

Porén, desde setembro de 1903 o poeta laxés Antón Zapata García, declarado «prófugo», xa estaba na Arxentina como un emigrante máis, establecido na capital bonaerense e con diversos oficios, mais iso xa é outra historia.

1 Alejandro Vázquez González, en Peña Saavedra [1993: 41], manexando datos estatísticos sinala que neste ano de 1903 chegaron a se contabilizar un total de 19.307 pasaxeiros (deles 5.394 mulleres e 2.480 menores de 14 anos), que embarcaron en portos galegos para o Estranxeiro, númeroi que vai in crescendo durante a primeira década do século XX.

2 Na citada (Auto)Biografía [Cfr. supra] sinala «deica ôs 16 anos e pico, edade na que vîn pra Bôs Ars (Arxentina), cidá na que resido dende o ano 1903, mes de Setembro».

3 Así o explica o actual cura de Laxe, Enrique Redondo Mella, en carta que reproduce López [1999: 418]. Da mesma opinión é Bello [1999: 49], que sinala: «Tercero de cinco hermanos, emigra a América a la temprana edad de 17 años (1903) por desavenencias con la tercera mujer de su padre».

4 Cfr. Núñez Seixas e Soutelo Vázquez [2005: 16-21]. Os autores enumeran cinco apartados para explicar os procesos que condicionaron a emigración galega, que se resumen en: 1º] malestar económico, polas limitacións da agricultura e da gandeiría, 2º] a tradición migratoria galega, 3º] a mellora nas condicións do transporte, sobre todo, marítimo, 4º] factores de expulsión de natureza socio-política e 5º] as cadeas migratorias. De todas elas, a cuarta é a que condicionou a Zapata, pois «Aqueles podían ser de caste legal ou directamente política, como podía ser o anceio por fuxir dun servizo militar clasista e discriminatorio, sobre todo no tempo da Guerra de África [1907-1927], cando as porcentaxes de mozos prófugos e fuxidos en América se dispararon en moitos concellos do país. Probabelmente non sempre se trataba dunha fuxida directa do servizo militar. Pero a posibilidade de evitalo influía grandemente, cando menos, á hora de toma a decisión de emigrar en idade temperá, nomeadamente adiantando o momento vital da partida».

Esta entrada foi publicada en Biografía, Documental, Estudos literarios, Historia, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta