Artigo en QPC (LXXXIII): «Fin do ano», un poema de Gonzalo López Abente

Cuberta de Luís Seoane

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, desta volta para recuperar un poema de Gonzalo López Abente moi acaído para estas datas. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

«Fin do ano», un poema de Gonzalo López Abente

Hai dous anos no nadal tivemos ocasión de lembrar aquí «¡Esta é noite de Nadal!», un poema do muxián Gonzalo López Abente, que se publicou na revista Vamos, Órgano del Colegio Minerva, Santiago de Compostela, 35, decembro de 1957. Compileino no apartado [Dispersos e Inéditos] na Poesía Completa de Gonzalo López Abente (Espiral Maior, 2012, en coedición coa daquela activa Fundación López Abente).

Desta volta recomendamos a lectura dun outro poema intitulado «Fin do Ano», que apareceu publicado no seu libro póstumo Decrúa. Poemas (Buenos Aires: Edicións Muxía, 1966), en concreto co número 13 da Primeira Parte tamén intitulada «Decrúa», que serviu para a epígrafe desta obra. Decrúa publicouse na emigración tres anos despois do pasamento do autor, con colofón no 11 de xullo do 1966, na bonaerense Imprenta López, e dentro das Edicións Muxía, que dirixían o sobranceiro galeguista Arturo Cuadrado e o seu curmán Horacio Bermúdez Abente, este último escribe un pequeno prólogo que chama «Noticia» para xustificar a publicación das «cuartillas» orixinais que viñeran parar ás súas mans.

Os editores ordenan os textos en catro partes: «Decrúa», «Cantigas», «Desacocho» e «Recobrados». A datación dos mesmos vai desde 1899, o primeiro poema de López Abente «Un velorio nunha aldea», ata dous poemas que escribiu no ano 1957. Todos os estudosos modernos da obra de Gonzalo López Abente coinciden á hora de sinalar que Decrúa inclúe poemas vellos xunto a outros escritos na mesma época que Centileos nas ondas (Vigo: Galaxia, 1958).

«Fin do Ano», que non podemos datar con exactitude e do que non coñecemos ningunha versión publicada con anterioridade ao libro, reelabora o vello mito clásico da muller (dona) que fía e fía na espera para esconxurar a dor, e remata cunha interrogación retórica propia dun canto de reis.

Velaquí o texto completo, moi acaído para esconxurarmos nós esta pandemia. Saúde!

 FIN DO ANO
 
 
 Outro prïsoeiro morre
 na gaiola enferruxada
 que no mais alto da Torre
 ten a dona pendurada.
 
 
 (A dona do gran palacio
 ergueito na inmensidade,
 onde ela fía despacio
 na roca da eternidade).
 ¡O tempo corre,
 na torre
 a dona fía
 que fía!
 
 
 Fura a noite a cantaréa
 dun galo madrugador;
 ladra o can, un lobo oubéa...
 ¡Remata un ano de dôr!
 
 
 Xa está un novo paxariño
 cantando no albor do dia
 e prosegue paseniño
 a dona fía que fía.
 
 
 Ven xaneiro. ¿O dia seis
 qué nos traguerán os Reis? 
Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta