Artigo en QPC (CII): Camariñas, Carnota, Cee, Mazaricos e Muros no libro Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta para honrar a memoria dos docentes costeiros asasinados polos franquistas e que se lembran no ensaio Os mestres mortos daquel verán, do profesor Narciso de Gabriel. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

Camariñas, Carnota, Cee, Mazaricos e Muros no libro Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel

O pedagogo e catedrático de Historia da Educación na Universidade da Coruña, Narciso de Gabriel vén de publicar un estudo de investigación intitulado Os mestres mortos daquel verán (Galaxia, 2023), cuxo título parafrasea como homenaxe a novela de Carlos Casares Os mortos daquel verán. Narciso de Gabriel, que segue o camiño encetado na súa anterior obra de divulgación da nosa memoria histórica democrática e republicana Vermellos e laicos (Galaxia, 2021), compila desta volta as tráxicas biografías de doce docentes galegos represaliados polo franquismo, agás o derradeiro asasinado nun masacre perpetrado pola Gestapo, policía política do estado nazi.

O volume, que reproduce na cuberta o fermoso “Monumento aos represaliados da represión franquista” que instalou o lembrado Isaac Díaz Pardo no coruñés Campo da Rata, ábrese cun Limiar onde se cita con exhaustividade a extensa nómina de mestres e mestras que foron asasinados.

Uns foron executados despois de xuízos carentes de toda lexitimidade e garantía, entre os que figuran Ángel Caamaño Villaverde, mestre en Estorde-Toba (Cee) fusilado en 1937 ou Rafael Pardo Carmona, mestre en Baño-Serres (Muros) asasinado xa en 1936.

Outros xa foran paseados tamén en 1936, sen ningunha pantomima de xuízo, entre os que estivo Jesús Álvaro López Brenlla, mestre de Louro (Muros), e outros tres morreron a consecuencia das malleiras e torturas sufridas, entre eles Pedro López Vázquez, mestre en Canedo-San Mamede (Carnota).

Deseguida o autor escribe en dez capítulos as sucintas biografías dalgúns deses mestres e mestras represaliados, centrándose en doce persoas concretas, dez homes e dúas mulleres, aínda que ás veces no capítulo poden aparecer referencias explícitas a outros que tamén sufriron a barbarie franquista, e que se presentan en orde cronolóxica da data da súa morte violenta. Velaí, ilustradas en cada capítulo cun debuxo dos álbums de Castelao e con versos de diferentes poetas no inicio, as tráxicas historias de María Vázquez Suárez, Rafael Fernández Casas, Jesús Álvaro López Brenlla, Mercedes Romero Abella, Fernando Barcia Veiras e Rafael Pardo Carmona, Xosé Losada Castelao e Manuel Rodríguez Castelao, Arximiro Rico Trabada, Víctor Fraiz Villanueva, Ramón Amadeo Figueroa Vilachá e Francisco Ponzán Vidal.

Todas elas ben merecen un coñecemento demorado, ademais as biografías teñen axilidade narrativa e os datos historiográficos non empecen a lectura. Porén aquí salientaremos tan só aqueles nomes vencellados coas localidades costeiras do ámbito xeográfico da comunidade lectora deste diario dixital.

Así, no capítulo dedicado a Rafael Fernández Casas, paseado o 20 de agosto de 1936 e tirado nunha gabia, que fora sacado pola noite da súa casa escola de Souto-Carnoedo, tamén inclúe unha referencia a Pedro López Vázquez, con destino na escola de San Mamede de Carnota. Aquí reproduce un fragmento do proxecto universitario Nomes e Voces (que se pode ler na rede) e ao que pertence este parágrafo: “Foi retido e colgado polas pernas nunha das vigas de planta baixa que usaba para dar escola na paraxe do Campiño, na parroquia de San Mamede de Carnota. A súa tortura durou máis dun día, queimáronlle os dedos das mans, posteriormente virárono e sometérono a toda clase de agresións. Acabou morrendo no mesmo lugar onde foi torturado (…)”.

A Jesús Álvaro López Brenlla , nado nas Travesas-Santa Sabiña (Santa Comba) e que rexentou a escola de nenos de Louro (Muros) desde 1934, aplicóuselle a “lei de fugas” o 31 de agosto de 1936, sendo tiroteado nun camiño de carros desa parroquia muradá. Coma noutros casos o franquista Ministerio de Educación Nacional depurouno e fixo pública a súa separación do ensino en 1940!!!

Mercedes Romero Abella, natural de Cee, era mestra no barrio coruñés de Monelos no momento do seu asasinato, antes estivera noutras localidades como Corcubión. O seu nome xa figuraba na primeira orde de destitucións que os franquistas deran a coñecer en agosto de 1936. Neste capítulo, coma noutros, Narciso de Gabriel bota man das investigacións históricas publicadas polo corcubionés Luís Lamela García para relatar como Mercedes foi “paseada” en novembro de 1936 e depurada do ensino anos despois. Tamén se lembra que a Asociación para a Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) localizou e identificou os seus restos e con eles recuperou o lapis da mestra e un carbón de debuxo. Estas eran as armas que utilizaban as mestras e os mestres na súa revolución.

Por último, o asturiano Francisco Ponzán Vidal fixérase cargo da escola dos Baos-Corzón (Mazaricos) en 1934 e en febreiro de 1936 tomou posesión da de Camelle (Camariñas), conseguiu eludir as primeiras vagas represivas do franquismo e cando xa estaba en Francia foi detido o 28 de abril de 1943 pola policía colaboracionista francesa e dous días antes de se liberar Toulouse, o 17 de agosto de 1944, foi un dos moitos presos que asasinou a Gestapo nos estertores da súa represión.

Os mestres mortos daquel verán, de Narciso de Gabriel, é un deses libros que deberían ser lectura imprescindible e necesaria para coñecermos a nosa memoria democrática e para combater a pantasma do fascismo que máis unha vez anda a percorrer Europa. Tamén para lembrar e facer xustiza histórica cos nomes de mestras e mestres adoito esquecidos nos seus lugares de orixe ou nos espazos onde desenvolveron o seu maxisterio.

Esta entrada foi publicada en Historia, Política, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta