Anotación de Xosé Mª Lema Suárez sobre Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García

Dentro duns días presentaremos a obra Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García (Edicións Fervenza, 2018), na compaña de Pilar Sampedro e de Francisco Fernández Rei, académico numerario da RAG, nun acto organizado en colaboración co Ateneo de Santiago e que terá lugar o mércores 13 de xuño, por certo día de San Antón, ás 20:00 h. no salón de actos da Sede Afundación (Casa Grande do Pozo. Rúa do Vilar, 19. Santiago de Compostela).

O libro está aínda a chegar ás principais librarías do noso País, mais o meu único presidente sen censuras e por moitos anos (do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, SemescomXosé Mª Lema Suárez, na súa bitácora denominada costadosolpor, como a novela Costa do Solpor (Xerais), que recibiu o recoñecemento á mellor obra na modalidade de Creación Literaria da Fundación Premios da Critica Galicia (2014), publicou unha breve anotación que moito estimo e que reproduzo deseguida.

DORNA SAUDAL. POEMAS DO MAR E LÉXICO MARIÑEIRO DE ANTÓN ZAPATA (2018) de Miro Villar

Recibo o agasallo desta fermosa obra, “Dorna saudal. Poemas do mar e léxico mariñeiro de Antón Zapata García”, cunha agarimosa dedicatoria (que agradezo) de Miro Villar, un dos mellores poetas galegos da actualidade. Os estudos de Miro sobre os poetas do mar da nosa brava costa (do Solpor?) son verdadeiramente antolóxicos, produto dos seus estudos exhaustivos e rigorosos: Xervasio Paz Lestón (1998), Gonzalo López Abente (1995, 2011, 2013) e Antón Zapata, de quen xa se ocupara no 2005. Nesta recente obra de Edicións Fervenza (2018) analiza polo miúdo o rico léxico mariñeiro do poeta de Laxe emigrado na Arxentina. Con todo, reservou a primeira páxina para unha emotiva dedicatoria “ao amigo xeneroso e camarada da palabra Paco Souto, poeta, percebeiro e incansable activista cultural, que amou intensamente o mar”, falecido o 30 de marzo de 2017.

Esta entrada foi publicada en Autografías, Estudos literarios, Lingua, Poesía, Presentacións, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta