Agravio á literatura galega nos actos oficiais do Día Internacional da Muller


O Centro PEN Galicia (@GaliciaPEN), do que fago parte, vén de facer pública unha nota de prensa para censurar a celebración do Día Internacional da Muller, 8 de marzo, sen a presenza da literatura galega nos actos oficiais que a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia organizou para mañá na rosaliá Casa da Matanza, dándolle protagonismo a Marta Rivera de la Cruz, coñecida defensora da ideoloxía galegófoba de Galicia Bilingüe.
NOTA DO CENTRO PEN DE GALICIA NA CELEBRACIÓN DO
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
O PEN de Galicia, integrado en 1989 no PEN Internacional (organización mundial de escritores que representa a 146 Centros en 106 países e que agrupa a máis de 5000 autoras e autores nos cinco continentes) orienta as súas actuacións cara a dous obxectivos primordiais: a loita pola liberdade de expresión e a defensa e promoción da literatura galega.
Desde estes principios irrenunciables consideramos que honrar a Rosalía de Castro, muller símbolo de Galicia (no ano do 150 aniversario de Cantares Gallegos), na conmemoración oficial do Día Internacional da Muller, implica a obrigada participación de escritoras en lingua galega. Esta exclusión agravia ao conxunto do sistema literario de noso e desacredita aos organizadores.
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2013

Esta entrada foi publicada en Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.