Adeus ao tamén navegar na vida da poeta Xohana Torres



(Cuberta de Tempo de ría, Espiral Maior, 1992. Abaixo sinatura autógrafa da autora e un dos meus poemas preferidos, aínda que a escolla non é doada, alén do coñecido «Penélope»)
Onte chegounos a triste nova do pasamento da escritora e académica Xohana Torres e ben que o sentimos, malia non termos trato persoal, de quitado de escasas coincidencias en actos literarios. A súa obra, nomeadamente a totalidade da súa poesía (tamén o seu teatro ou a súa novela Adiós, María, que figura na ampla listaxe de lecturas para o meu alumnado), sempre estivo entre as miñas lecturas predilectas, como sucede cos seus compañeiros (todos homes) de promoción, esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’, grandes da literatura galega e primeiros autores contemporáneos que lemos, alén dos clásicos: Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935), Salvador García-Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín (1938) ou Arcadio López Casanova (1942).
Entre a obra poética de Xohana Torres teño unha especial querencia por Tempo de ría e por varias razóns. Primeiro, porque inclúe entre os seus poemas un dos mellores textos e máis representativos da historia da poesía galega de todos os tempos, «Penélope», tan a miúdo citado e glosado por moitas e moitos poetas das últimas fornadas (daría para un volume ben groso recoller toda esa produción influenciada polos versos de Xohana).
En segundo lugar pola enorme presenza do mar nese libro (aínda que tamén a tiña no resto da súa obra e sobre todo en Estacións ao mar, Galaxia, 1980). Tempo de ría evoca a ría de Vigo e o sur da Galiza, con moitas referencias explícitas ás Illas Cíes, ao propio Vigo (Ouh capital do mar, durísima cidade / de violencia interior como nos leitos, / altas querervos, grúas, franqueadas na canle, / as casas como redes caídas polas augas), Rande, Cangas, o areal de Barra, Liméns, cabo de Home, Baiona, cabo Silleiro, o monte da Guía…
En terceiro lugar porque o meu exemplar de Tempo de ría, con debuxo da cuberta de Laxeiro, está asinado pola propia autora, coma todos os que recibimos as persoas subscritoras da colección de Poesía Espiral Maior (e eu fago parte desa listaxe desde os inicios). O colofón indica que «acabou de se imprimir o día 24 de xullo de 1992, no 44 Aniversario da “I Exposicioón de Libros y Autores Gallegos” organizada polo Centro Gallego de Buenos Aires», aínda que o meu persoal ex-libris sinala que recibimos o envío da editorial en agosto.
E, finalmente, porque a súa lectura foi tan importante para min que mesmo inspirou unha pequena homenaxe explícita. O meu sonetario Equinoccio de primavera (Esquío, 1998, accésit do Premio Esquío na convocatoria de 1997) inclúe no seu «Caderno IV», intitulado «Navegacións», o soneto «Ecos (II)» que dialoga con algunhas lecturas de poetas mulleres e que reproduzo deseguida.
O adeus ao tamén navegar na vida de Xohana Torres vai estar sempre acompañado da constante presenza da evocación e da (re)lectura da súa magnífica obra.
Que a terra che sexa leve, Xohana!
CADERNO IV
NAVEGACIÓNS
ECOS (II)
Ana Istarú trouxeches, despois de Iris Zavala,
en flores de palabras, en flores de papel,
que rebentaron antes de acougaren no andel,
debuxando violetas nas paredes da sala.
E María Mariño, dinamitando a fala,
baixou dos taboleiros e abrazou o ronsel
dos versos novos, frescos coma irto caravel
ou delicado encaixe que se garda na tala.
Cos ecos do balbordo descendeu Rosalía
canda Xohana Torres no seu tempo de ría,
e logo Itxaro Borda, Marta Pesarrodona
e outras escritoras, con tal algarabía
que ocuparon os versos da miña poesía
ornando a súa tona de inmerecida sona.

Esta entrada foi publicada en Autografías, Obituarios, Poesía. Garda a ligazón permanente.