A percebeira é unha illa, de Paco Souto


Teño a inmensa fortuna de ter dous amigos poetas que viven o mar desde adentro e non desde fóra coma todos nós. O poeta fisterrán Alexandre Nerium foi ao mar moitos anos co seu pai, traballou tamén moitos anos como mergullador do longueirón (“linqueirón” na fala fisterrá”) e agora é un excelente guía no Museo da Pesca.
O outro é Paco Souto, que logo de varios oficios, está vivir en Malpica de Bergantiños e a traballar moito en tarefas do mar, coma a dura e impresionante do percebeiro. Seu é ese fermosísimo poema intitulado “A percebeira é unha illa”, que se pode escoitar na súa propia voz (nesa dición sempre magnífica da que tanto aprendemos) na canle youtube e que eu coñecín através do dixital quepasanacosta. Con outra xente, Paco Souto está detrás tamén da bitácora cultural percebedemalpica e da canle do mesmo nome en youtube. Nestas dúas páxinas tedes gravacións que nos achegan olladas para dignificaren o traballo dos percebeiros.
Velaquí a letra do poema de Paco Souto, pertencente ao seu libro Fado (1998), editado por Letras de Cal e que no portal poesiagalega.org podedes ler completo.
A percebeira é unha illa
A illa ten nome de peixe esquivo
E os homes van
A lanchiña que os leva é de pau de laranxo
A lúa é unha laranxa apodrecida
A lúa debuxa cadaleitos nas furnas
De entre os mortos nascen percebes
Os ollos vagos non ven
Son as mans acoiteladas as que cachean os tetos
A rapa áxil
E logo a lonxa
E a viaxe à Coruña ou Madrid
E o prato na mesa
E o sal na boca
Ese sabor a sal na boca
Como se a morte viñese cada nove ondas

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.