A pantasma da casa da Matanza nos catálogos de verán das Bibliotecas de Oleiros e de Muxía



(Premer nas imaxes para unha mellor lectura)
As bibliotecas públicas deveñen imprescindibles e necesarias, malia as retelladas orzamentarias, á hora de posibilitaren a lectura a calquera persoa e de visibilizaren a nosa literatura. Realizan un impagable labor de difusión da escrita de nós, presentando as nosas novidades nun andel, como puiden comprobar na Biblioteca Pública Municipal de Corcubión (moitas grazas Isabel), ou artellando catálogos na rede ou en papel. Así, o meu conto rimado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), con ilustracións de Xosé Cobas, fai parte de dúas guías que circulan na rede e en papel este verán.
A primeira é na sección «Libros para nenas e nenos de 8 a 10 anos» da guía Lecturas ao sol! editada polo excelente Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do concello de Oleiros, conformada por oito centros, que se pode ler completa no seu blogue bibloleiros ou descargando este pdf de 82 páxinas (Lecturas ao sol!).  Xa o fixera tamén na de Nadal intitulada Queres ler connosco?, (aquí en pdf Guía Queres ler connosco? Nadal 2013), como xa contamos nesta anotación.
A segunda fai parte do máis breve catálogo elaborado polo Concello de Muxía e as Bibliotecas de Muxía, na sección «A partir de 12 anos», o que revela algo que defendemos de motu proprio: non se trata dunha lectura cinguida ao ámbito infanto-xuvenil, senón a calquera lectora ou lector de álbumes ilustrados con coñecemento da obra e da vida da nosa poeta nacional Rosalía de Castro.
Alén de os parabenizar pola iniciativa, tamén moito a agradezo.

Esta entrada foi publicada en Contos, Infantil, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.