A pantasma da casa da Matanza, no Caderno da crítica, a bitácora de Ramón Nicolás


(Premer na imaxe para agrandar o tamaño)
O conto rimado da miña autoría intitulado A pantasma da casa da Matanza (Biblos, 2013), ilustrado por Xosé Cobas, é obxecto dunha breve recensión, que agradezo, por parte do profesor e crítico literario Ramón Nicolás na súa bitácora persoal do Caderno da crítica (recén elexido mellor blogue literario e o seu autor mellor crítico do 2013 polos lectores e lectoras do blogue Fervenzas Literarias). Alén de o parabenizar nós tamén, reproduzo deseguida o fragmento subliñado que se pode ler nesta ligazón. Obrigado!
Miro Villar
A pantasma da casa da Matanza (ilustracións de Xosé Cobas)
Biblos, Cesuras, 2013, 26 páxinas, 16 €
Non é a vez primeira que Miro Villar fai a súa aparición no eido da literatura para o lectorado máis novo, como é ben sabido. Nesta ocasión rescátase unha iniciativa que se adentra no motivo, meritorio por outro lado e ben acaído polas circunstancias, de introducirse no mundo rosaliano para erixir un relato ou conto rimado tendo como inspiración a figura, e neste caso no ámbito da casa na que morreu Rosalía de Castro ofrecendo nunha proposta, agora revisada, que gozara dunha primeira edición non venal da man da Fundación Rosalía de Castro nun volume colectivo titulado Quen casa ten de seu.
Sexa como for, a proposta inicial percorre agora camiños anovados coas extraordinarias ilustracións que realiza ad hoc Xosé Cobas e que ofrecen unha suxestiva lectura visual que acompaña a historia dunha «Negra sombra» que chega á casa da Matanza e que axiña empatiza coa música e co ritmo dos poemas rosalianos, decidindo quedar dentro daquel espazo simbolizada visualmente nunha pomba.
A «Negra sombra» de Miro Villar, así pois, renóvase ou goza desde agora dunha nova dimensión, isto é, suxire unha lectura diferente, aberta a outras posibilidades abeiradas á fantasía, ao elemento lúdico, propiamente poético e esperanzador, hibridizando con fortuna poesía e narrativa nunha proposta ben recomendable.

Esta entrada foi publicada en Arte, Contos, Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A pantasma da casa da Matanza, no Caderno da crítica, a bitácora de Ramón Nicolás

  1. Pingback: Miro Villar fálalles aos nenos de Rosalía no seu novo libro

Os comentarios están pechados.