A Nosa Terra dixital anúncia o peche definitivo


Deseño de Francisco Leiro co gallo do primeiro centenario de A Nosa Terra, no 2007
Hoxe, primeiro día do outono, anúnciase o peche definitivo do dixital A Nosa Terra, que xa pechara a súa edición en papel en setembro do ano pasado. Nesta ligazón podedes ler o comunicado do seu derradeiro director Alfonso Eiré. Nos anos oitenta fun colaborador deste semanario, onde publiquei as miñas primeiras recensións e deberon chegar a medio (pois non as teño contabilizadas), case sempre sobre libros de poemas, aínda que ás veces tamén escribín sobre outros temas ou teimei en rescatar figuras esquecidas. Por exemplo, en A Nosa Terra, 23-I-1992, publiquei o artigo “Un poeta esquecido no centenário do seu nacemento. Roberto Blanco Torres (1891-1936), unha obra poética crebada polo fascismo”, moito antes de que a este autor de Cuntis se lle adicase o Día das Letras Galegas, para o que preparei unha edición do seu poemario Orballo da medianoite. Por moitas razóns prodúceme mágoa a morte definitiva dun medio do que fun subscritor dende 1983 até a súa desaparición en papel. Malia esta desazón, non son alleo a outras versións sobre o cesamento do semanario como este artigo (reparade tamén no debate que se produce nos comentarios) ou a versión dos traballadores/as que se pode ler nestoutra ligazón.

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Lingua, Manifestos. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “A Nosa Terra dixital anúncia o peche definitivo

  1. Pingback: As crebas » Novos proxectos de información na nosa lingua

Os comentarios están pechados.