A narrativa mariña, de Gonzalo López Abente (edición de Suso Sambade). Dúas recensións


Un dos alicerces da Fundación López Abente, da que fago parte, é a publicación (ou reedición na maioría dos casos) da obra literaria de Gonzalo López Abente. A última entrega foi o volume A narrativa mariña, en edición literaria do profesor muxián Suso Sambade e que se inclúe na prestixiosa colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais. Xa falamos aquí e acolá da súa presentación e tamén demos conta das primeiras lecturas críticas. Desta volta recollemos dúas recensións, a primeira escribiuna a poeta Rosalía Fernández Rial para o dixital compásdacosta e a segunda é da autoría do profesor de Filosofía e crítico Francisco Martínez Bouzas e pódese ler no seu blogue novenoites. Polo seu interese reproducimos nesta bitácora os dous textos:
Recensión crítica de A narrativa mariña, Rosalía Fernández Rial
O último exemplar da BIBLIOTECA DE AUTORES GALEGOS, A narrativa mariña (2012), pronúnciase con acento muxián. Non só polos trazos dialectais da prosa abentiana, senón tamén pola procedencia orixinal do seu editor, Suso Sambade. E é esa circunstancia a que explica, en gran medida, a cantidade de datos inéditos que contén a biografía de don Gonzalo trazada ao comezo do libro (9-22); un preludio con rumor atlántico, o murmurio das vilas costeiras que contan a historia dun pobo, aínda en branco e negro. Desde os “modernos” anos 20 ata o loito franquista, cun leitmotiv constante de compromiso galeguista por parte de López Abente.
En efecto, esa ideoloxía e a consecuente escolla lingüística levarán ao autor muxián a unirse ás Irmandades da Fala desde o momento da súa fundación, como recolle Sambade Soneira (14). De aí que o seguinte apartado aluda ao estado da literatura galega na época da xeración citada (23-25), coa súa teimuda vontade de renovación. Tras ese marco de voces harmónicas co Modernismo americano, tanto en estilo como na temática urbana, ábrense os puntos centrais; “a prosa de Gonzalo López Abente” (27-31) e o estudo filolóxico de cada noveliña (33-43). Ambas seccións co valor común de situar a narrativa de GLA no lugar que merece; un posto privilexiado, segundo testemuña o editor. Tanto é así, que Sambade acaba por emprazala á altura da de Risco, Castelao ou Pedrayo (27). Nese senso, tras ler a introdución de A narrativa mariña, quédanos claro que López Abente foi precursor entre os pioneiros, chegando a adiantarse ao afán innovador das Irmandades. E ese recoñecemento é un dos logros principais desta edición, pois resulta unha labor crítica imprescindible, á que xa se adiantou admirablemente Miro Villar (1995 e 2011) no eido da poesía pero que aínda tiña unha débeda importante no campo da narrativa.
Por outra banda, os comentarios ás noveliñas (33-43) refiren a súa orixe, argumento e análise, dun modo coidado e preciso; áxil e ameno. Como se editor e autor conversasen con prosodia muxiá, mentres contemplan o mar da península que comparten, “brandamente deitada no medio da ribeira” (como escribiría don Gonzalo en Nemancos, citado en Miro Villar, 1995: 71).
Quizais por iso sexan tan acertados os apartados seguintes, concernentes á “lingua”, na época das Irmandades (45-46) e no estilo de López Abente (47-48). Unha estrutura idéntica á análise literaria, que vai do contexto xeral ao concreto, coa determinación de contidos tan pertinentes como os castelanismos e os anhelos diferencialistas que conducen a popularismos e hiperenxebrismos ou xiros dialectais. Primeiro a nivel xeracional e logo no caso específico do escritor en cuestión. E baseándose en aspectos como os referidos, selecciónanse os criterios de edición, dos que se dá conta no punto que vai a continuación (49-50). Estes optan por un camiño intermedio, conservación de castelanismos, certa depuración de hiperenxebrismos, vulgarismos e arcaísmos e respecto de dialectalismos costeiros. Tamén se explica, no mesmo punto, a elección do título e as razóns polas que se incluíu o apéndice coa obra O escándalo (que, en principio, non ten unha relación estreita cos demais textos publicados).
Finalmente, compéndiase a bibliografía do autor (51-52) e a empregada na edición crítica (53-54). Xusto antes das noveliñas completas, cuxas anotacións se cinguen –sobre todo- a aclaracións de carácter lingüístico, a pesar de que se ven complementadas por un último glosario (239-242) que pecha o estudo. Todos eses apuntamentos presentan unha linguaxe accesible, que –como o resto de seccións- fan do volume un libro apto para calquera tipo de público. O especializado atopará, entre os apartados primeiros, datos descoñecidos ata o de agora e interesantes reflexións filolóxicas sobre a obra de López Abente e aqueles receptores que pretendan gozar da lectura poderán partir dunhas coordenadas iniciais que lle axudarán a comprender mellor a obra de don Gonzalo.
En conclusión, recomendo, con entusiasmo oceánico e orgullo muxián, a última publicación da BIBLIOTECA DAS LETRAS GALEGAS; unha edición rigorosa, agradable e necesaria, repleta de horizontes literarios e letras mariñas. Para internarse no universo abentiano entre os tombos de vida que as indagacións de Suso Sambade nos ofrecen. Sempre co cantar fonético da nosa lingua náutica…

Bibliografía:
SAMBADE SONEIRA, S. (ed.), Gonzalo López Abente, A narrativa mariña, Vigo, Biblioteca das letras galegas, Xerais, 2012.
VILLAR, Miro (ed.), Gonzalo López Abente, Antoloxía poética, A Coruña, Espiral Maior, 1995.
VILLAR, Miro (ed.), Gonzalo López Abente, Bretemada, Santiago de Compostela, Colección Rescate, Alvarellos editora, 2011.
*****
Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) ilustre membro das Irmandades da Fala, Presidente en 1936 da Asociación de Escritores de Galicia, académico numerario da RAG e depurado en 1937, é coñecido sobre todo pola súa obra lírica (Escumas da Ribeira, s.d., Alento da raza, s. d., D’Outono, 1924, Nemancos, 1924, Centileos nas ondas, 1928 e os poemarios póstumos, Decrúa, 1966 e Monza de frores bravas para a nosa Señora da Barca, 1971). De menor valor foi considerada a súa obra narrativa e a súa única incursión no xénero dramático (María Rosa, 1928).
A Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais, co patrocinio da Fundación Gonzalo López Abente, permítenos arestora gorentar e valorar na súa xusta medida as catro noveliñas curtas, hoxe imposibles de atopar, xa que despois da primeira edición, nunca foron reeditadas, agás O novo xuez (edición fascímil en Galaxia, 1971). A edición de Suso Sambade Soneira, precedida dun amplo e clarificador estudo introdutorio, pon nas nosas mans o que el chama a “restauración” destes textos breves nos que López Abente se achega á temática das vilas e da vida mariñeira. Podemos gorentar, xa que logo, en primeiro lugar, O diputado por Beiramar, que significou o comezo da carreira narrativa de López Abente. Editada na Imprenta Nova (A Coruña, 1919), a noveliña ten a súa orixe nun certame de narrativa, convocado en 1918 por A Nosa Terra e do que foi ganadora porque -así reza a opinión escrita do xurado- “o estilo cristaíño axéitase a unha visión moderna do arte de novelare”. Esta novela curta reflicte a vida de “cunero” e o ambiente político nos tempos da Restauración, no que a corrupción imperaba seguramente aínda máis que arestora. A novela vai dirixida sobre todo á aristocracia rural nun intento de atraer a fidalguía á causa galeguista, á responsabilidade dun verdadeiro e auténtico servizo a Galicia e ao seu idioma. Un claro precedente do drama A man da Santiña de Ramón Cabanillas e dalgunha novela de Otero Pedrayo.
En xullo de 1922, a Editorial Céltiga dá ao prelo o libro do mes. Foi O novo xuez, que se converterá no maior éxito editorial da narrativa de López Abente. Nun ambiente vilego que pode ser o de calquera das vilas da Costa da Morte, achéganos o autor unha historia de caciquismo, do “señorito” madrileño que chega a Galicia coa idea de que para un xuíz as mozas galegas son presas fáciles. Como contrapunto, a vida solidaria das xentes do mar e un certo costumismo, como o do relato do día de Noiteboa nunha casa burguesa.
Buserana, editada orixinariamente en 1925 na Editorial Lar de A Coruña, é a terceira das noveliñas recuperadas nesta edición. A trama está ambientada na casa reitoral de Moraime, reconstrúe a vida rural da Costa da Morte e introdúcenos, sobre todo, nunha lenda galega: a da Furna da Buserana. Para Carvalho Calero, Buserana é a noveliña máis conseguida do autor, opinión da que disente Sambade Soneira.
Fuxidos é a última peza breve que publicou López Abente. Localizada de novo nunha vila da Costa da Morte, probablemente Muxía, a trama novelesca describe a paisaxe, tanto humana como natural: a braveza do mar, dinamizado polo namoramento de dous dos personaxes, e polo desenlace inesperado no que a natureza indomable do mar (as “vagas do mar”) xoga un papel tráxico decisivo.
A edición que segue un camiño lingüístico intermedio, respecta os castelanismos e os dialectalismos característicos da Costa da Morte, á vez que corrixe os hiperrenxebrismos, vulgarismos e arcaísmos. O escándalo, outra peza breve aínda que allea en boa medida á temática mariña, pecha como apéndice esta edición para completar a narrativa breve do escritor.
Francisco Martínez Bouzas

Esta entrada foi publicada en Narrativa, Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.