«A groriosa bandeira», un soneto de Gonzalo López Abente

Bandeira
Este Día da Patria Galega (25 de Xullo) unha manifestación de unidade de acción nacionalista convocada polo Manifesto pola Unidade percorrerá as rúas de Compostela até a histórica Quintana. Confeso que o cartaz deseñado por Pepe Barro para esta convocatoria, que semella a bandeira imperial nipona do sol nacente, non é moito do meu agrado, así que máis unha vez esta fiestra pendura a bandeira galega co escudo deseñado por Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886- Bos Aires, 1950).
Canda ela reproduzo novamente o soneto «A groriosa bandeira» de Gonzalo López Abente, que pertence á terceira parte, intitulada «Guerreira» do libro que deixou inédito Bretemada (Alvarellos, 2011), escrito entre 1917 e 1922, e que nós recuperamos, e que tamén se recolle na Poesía Completa de Gonzalo López Abente publicada na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, en coedición coa Fundación Gonzalo López Abente.
XII
A GRORIOSA BANDEIRA
Entre os altos petoutos da soberba montana,
c’os fiaños de prata que espallan as auroras
e co-as brancas folerpas das neves voadoras,
unha tea impalpabre, cal hábil tecelana,
fabricóu a princesa mais garrida e galana
no calado apouvigo das madrugueiras horas;
e aquela tea foi, nas suas mans creadoras,
inmaculado símbolo da Terra soberana.
Estendéu a brancura d’aquel lenzo grorioso
baixo o doce agarimo do día lumioso,
estreitouno un instante contra o turxente seo,
ergueuno, douno ao vento, e fíxose a bandeira
da Patria, despois que houbo cruzádoa lixeira,
d’unha banda a outra banda, c’un anaco de ceo.

Esta entrada foi publicada en Historia, Manifestos, Poesía, Política. Garda a ligazón permanente.