A dereita de Fisterra aborrece a cultura e os libros

FisterraLibros
(Fotos de Darío Gómez para o dixital Que pasa na Costa. Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
De sempre as dereitas son sinónimo de aborrecemento pola cultura e polos libros. Nesta bitácora xa se lembrou «A queima de libros na Costa da Morte en 1936» en dous concellos da Costa da Morte: Cee e Corcubión, nun episodio que lembra aqueloutro tamén real e logo ficcionado por Manuel Rivas no seu Os libros arden mal (Xerais, 2006) e que tamén recolle o volume O fulgor e as tebras. As bibliotecas na Galiza na II República e a súa destrución durante a Guerra Civil (Laiovento, 2009), da autoría de Francisco Xavier Redondo Abal. Na segunda parte desta obra nárrase coma o golpe de estado de xullo do 1936 contra a legalidade republicana trouxo consigo a represión, no que atinxe aos libros houbo bibliotecas enteiras queimadas, roubadas, incautadas e espoliadas, como sinala o autor, en nome dunha Patria e dunha Relixión que entendían os libros como «material perigoso».
E estes días aínda estou abraiado coas novas publicadas no dixital Que pasa na Costa, «Libros que esmorecen pola deixadez» (publicada o 15 de xullo) e «Os veciños de Fisterra implícanse na restauración dos seus 15.000 libros abandonados» (publicada hoxe), dúas excelentes crónicas que testemuñan a deixación e o abandono no que o anterior goberno do Partido Popular de Fisterra deixou os fondos das súas bibliotecas, nun concello que aínda a día de hoxe carece dunha Biblioteca Pública Municipal digna de posuír tal denominación e que debe ser unha prioridade para o novo bipartito do PSOE e do BNG, mesmo dándolle o nome do editor e escritor republicano Alejandro Campos Ramírez, Alejandro Finisterre, que levou no seu apelido a localidade desde o seu exilio mexicano a toda América Latina e Europa e que chegou a ser membro non numerario ou correspondente da Real Academia Galega (RAG).
Os meus parabéns á veciñanza consciente de Fisterra, polo seu labor a prol do rexurdimento cultural e literario do seu concello e por salvaren os libros da couza ou da barbarie da queima.
queimadelibros

Esta entrada foi publicada en Estudos literarios, Historia, Memoria Literaria, Política. Garda a ligazón permanente.