A abafante vaga de calor venceunos no Roteiro do río Lor



(Premer nas imaxes para agrandar o tamaño)
COUREL dos tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home…
Uxío Novoneira, 1952
A forte vaga de calor dos primeiros días de xullo confirmouse, como anunciaban as previsións meteorolóxicas de meteogalicia, e as temperaturas que abeiraban os 40º foron insalvables para completarmos o percorrido total do Roteiro do río Lor o amigo e escritor Xosé Manuel Lobato e mais eu. Velaquí a crónica dunha longa camiñada, antes de ser vencidos polo abafo da calor. Ás oito da mañá do mércores, 3 de xullo, apañamos a liña do autobús Santiago de Compostela-Valladolid que realiza unha das súas paradas contra as 11,30h. en Pedrafita do Cebreiro (cuxa web municipal non posúe opción na nosa lingua!!!). E, malia a agradable conversa, fíxosenos longa a viaxe, pois primeiro vai até A Coruña e tamén entra en Lugo. De o sabermos con anterioridade habíamos apañar a liña que fai a empresa Freire até a cidade das murallas e agardarmos aló a combinación. Botamos contas e afórrase tempo e diñeiro.
En Pedrafita do Cebreiro, logo dun reparador café con leite acompañado dun anaco de doce caseiro, requirimos os servizos do taxista Fermín para non camiñar a subida duns catro quilómetros e sen interese ningún até a igrexa santuario de Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro, onde principia o Roteiro do río Lor, que remata na igrexa de Santiago de Augas Mestas, despois de percorrer un total de 68 km., que nós pretendíamos rematar en catro xornadas, malia que os organizadores aconsellan seis tiradas.
1ª tirada (nosa): Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro-Esperante (+18 km.)
Pasaba do mediodía cando, co sol no máis alto e con temperaturas aínda non acorantes, Lobato e mais eu demos en principiar a camiñada. E xurdiu a primeira decepción, moitísima información para as peregrinas e os peregrinos do Camiño de Santiago, que boa cousa é, mais ninguén soubo achegarnos detalles do Roteiro do río Sor, creado pola asociación Santo Grial do Crebreiro e que foi inaugurado en maio do 2010. Nin sequera a rapaza que atende o Centro de Interpretación foi quen de nos informar ou de nos achegar alomenos un folleto explicativo. Nada de nada.
A sinalización do Roteiro do río Lor é boa, con paneis e marcos dabondo, así que nos botamos ao monte. O primeiro panel está situado entre a igrexa santuario de Santa María A Real de Pedrafita do Cebreiro e o albergue de peregrinaxe, de feito os primeiros dous quilómetros ambos e dous camiños coinciden e permiten albiscar ao lonxe, cara ao norte, os principais cumios dos montes dos Ancares, mesmo demos en identificar os chamados Tres Bispos, e cara ao oeste a cunca do río Navia.
Na Fonte do Rei (km. 2 do roteiro), na parroquia de Liñares, deixamos o Camiño de Santiago á nosa dereita e á esquerda o roteiro emprende unha primeira longa baixada, pois se algo caracteriza o Roteiro do río Lor son as continuas subidas e baixadas, só interrompidas por algunha chaira. Axiña vai aparecer o lugar de Celeiro, onde un vello nos situou a senda nun intre de dúbidas, que nos deu para falar do avellantamento da poboación e a súa situación, xa que estimamos que vivía só, coma tantos outros, polo que a casa e as terras de labor han morrer canda el. E moi preto Os Corgos do Liño (km. 4), que constitúen o primeiro dos moitos achegamentos etnográficos que se poden ollar durante o percorrido.
Deseguida a Fonte do Cubo (km. 6), atravesamos os lugares de Fonteboa, Fonte Lor e Os Casares, poboacións aínda habitadas e con xente a traballar dos eidos, e axiña vai xurdir a primeira e grande dificultade. Unha considerable selva de silveiras fai desaparecer totalemente o roteiro e tivemos moitos atrancos, alén de moitas rabuñaduras, para o atopar de novo. Velaquí máis unha vez a constatación, xa nos sucedeu noutros roteiros, de como unha vez cobrada a subvención para a creación do roteiro non hai o mínimo interese en o manter limpo, malia a súa indubidable fermosura. Unha información tirada da propia páxina da asociación Santo Grial do Crebreiro di que investiron 90000 euros (si, noventa mil) na limpeza e sinalización antes da súa inauguración, mais o estado actual deste treito provoca anoxamento e desazón. O caso é que Lobato e mais eu tivemos que facer números para retornar á senda e deixamos atrás, sen o ollar, o Muíño de Pedrodaira (non sería máis acaído grafar Pedro da Aira?) construído en 1923, do que tíñamos moi ben descritas as súas características e a súa historia que deben figurar nun panel informativo, tal e como descargamos nós da páxina da entidade. Aproveitamos a dificultade para recobrar forzas e devagar xantar bocadillos e froita e beber abondo.
Principaba unha das lentas subidas que nos leva preto do castro de Santalla (km. 12), sen escavar, no cumio dun outeiro e logo unha lixeira baixada cara o lugar denominado As Trabazas, onde os organizadores sitúan o final da primeira etapa, aínda que nós continuamos até rematar a segunda nunha mesma tirada. As Trabazas é un lugar pequeno, moi pequeno, e recibiu con media ducia de veciñas a veciños sentados á sombra á beira dun pilón. Demoramos na conversa, enchemos as garrafas de auga dun cano e tiven a sorte de que me convidasen a unha cervesa ben fresca, pois non houbo maneira de que ma quixesen cobrar. Poboación de moitos anos, toda ela, e sen posibilidades de pernoctar aquí, polo que non se entende moi ben que os organizadores do roteiro dean cabo á primeira etapa nun lugar que obrigaría a contar con equipo de apoio.
Aproveitamos a conversa para o merecido descando antes de continuar a camiñada co obxectivo de rematar nesta mesma xornada a segunda tirada que nos había levar até a Ferrería de Seoane do Courel, nove quilómetros máis adiante. A calor xa era moita, malia aínda non entrar a vaga anunciada para os días seguintes, mais boa parte do traxecto ía baixo frondosa vexetación, noemadamente castuñeiros e carballos, polo que até o momento non se facía moi dura. Desde As Trabazas viña outra baixada que nos achegaba ao leito do río, xa dixemos que as baixadas e as subidas son continuas, achegándose ou afastándose do río cando este vai máis encaixonado nas valgadas pétreas. Atravesamos a Ponte do Fedo e axiña a Ponte das Mestas, de madeiras vellas, antes de emprendermos unha nova subida, que desta volta polo cansazo e a calor faise moito máis longa, até a zona das cabanas de Paparón, construídas para o refuxio na actividade gandeira, e o souto de Mostade, fermoso e mesto lugar de castiñeiros, algún deles imposible de abrazar por unha persoa.
A calor e o cansazo ía en aumento, así que puxemos remate á segunda tirada un pouco antes do establecido facendo noite no cámping ou acampamento de Esperante. Ían 18 quilómetros de roteiro e algúns máis de camiñada polas voltas que tivemos que dar. Unha boa ducha e unha cea a base de salada e tortilla e moita, moita cervexa antes do necesario descanso. Ao día seguinte moi cedo tiñamos intención de continuar.
2ª tirada (nosa): Esperante-Folgoso do Courel (+12 km.)
Co acampamento aínda pechado e polo tanto sen almorzar ás sete da mañá do xoves principiou a segunda tirada nosa, mais desta volta ía render moito menos, abafados pola calor in crescendo. Unha breve e curta subida lévanos até a igrexa de San Pedro de Esperante (nunha das fotografías), fregresía da parroquia de Seoane. Estaba pechada, como é natural, e visitamos o pequeno cemiterio aínda en uso a xulgar por algunhas lápidas de anos recentes e coma moitos outros con case nula presenza do noso idioma, agás nalgún alcume que se citaba ao pé do nome do defunto.
Dous quilómetros máis baixo, por outra senda frondosa e fermosa, no km. 21 do roteiro está a Ferrería de Seoane do Courel ou Ferrería de Locay, construída en 1808 e de enormes dimensións, toda unha beleza de construción que seica transformou o ferro procedente do monte Formigueiros e logo foi serradoiro, muíño e mesmo central hidroeléctrica que abastecía a Seoane. Neste punto decidimos abandonar un chisco o roteiro para subirmos até Seoane do Courel para almorzar con xeito e aprovisionar para a camiñada. Fixémolo con calma, a subida é costenta, e un café con leite grande acompañado de torradas dun pan exquisito, un pouco aceitosas para o meu padal, deunos forzas para o que tiñamos por diante. Auga e froita mercada nunha tenda encheron as nosas mochilas. No bar-restaurante fixemos conversa amigable cos donos, sobre o roteiro, a dureza do mesmo, as posibilidades de mellora ou as condicóns de vida na zona. Foi de moito interese.
Retornamos ao roteiro, ao pé o CPI Poeta Uxío Novoneira de Seoane do Courel, no que este curso tiñan 34 escolantes segundo nos comentaron, e os primeiros quilómetros son doados de andar. A calor empeza a abafar mais o roteiro vai entre mesta vexetación autóctona e polo que é un camiño real, supoñemos que o que uniría Seoane con Folgoso do Courel. Até aquí sen problema, mais axiña o deixamos para subir por un camiño estreito cara á pena do Escribano e baixar cara o lugar de Ferreirós de Abaixo.
A partir deste momento a vexetación vai a menos nalgúns tramos e a calor en aumento, aínda que temos a sorte de que estamos na aba do monte oculta ao sol que ameaza a nosa camiñada. A suor é moita, as encostas fanse máis duras aínda do que son e os quilómetros fanse máis longos. Nova subida, dura nestas condicións, e nova abaixada até a Ponte do Porto (km. 29 do roteiro) e axiña outra nova subida, quizais a menos atractiva até o momento para atopar despois a Ponte de Traspando. Pasa do mediodía e a calor xa resulta insoportable, polo que decidimos rematar a tirada na área recreativa de Traspando, aínda que para accedermos buscamos un atallo e tivemos case que facer alpinismo.
En Folgoso do Courel atopamos hospedaxe no albergue municipal, todo para nós, pois non coincidimos con máis ninguén. Ducha con auga fresca, que non fría, e deitamos a descansar até as oito da tarde, para que a abafante calor minguase un pouco. Na taberna da Chela, unha andaluza cuxa infancia transcorreu nas covas do Albaicín en Granada e que coñeceu na emigración francesa a un courelao co que casou, soubemos da súa historia nun perfecto galego courelao, e ceamos ben. Pola miña banda non me resistín a probar a súa empanada de liscos con acelgas que estaba realmente deliciosa, así como a sobremesa de torta de castañas. As camiñadas son moito máis que andar, hai que tamén “catar” as especialidades da zona, por moito que así non haxa maneira de que baixe a barrigola. Lobato, coma sempre, foi máis frugal nisto de xantar.
3ª tirada (nosa): Folgoso do Courel-Froxán (+10 km.)
A nosa terceira tirada coincide máis ou menos coa cuarta na que dividen os organizadores este Roteiro do Río Lor. Confirmada a vaga de calor, con temperaturas próximas aos 40º, non había outra que principiar a nosa andaina ás sete da mañá. Fixemos dous quilómetros a maiores ou algo máis até chegarmos á Ponte de Traspando onde se inicia esta tirada até chegar a outra, a Ponte de Sudríos, desde aquí até o poboado lugar de Baldomir, con moitas casas habitadas (durante todo o ano ou só no verán?) e restauradas ou en proceso de restauración, a camiñada transcorre xusto á beira do río Lor e Lobato devece por pillar troitas nestas augas, malia que só se autoriza a pesca sen morte. É aínda moi cedo e na poboada Baldomir apenas atopamos veciños, aínda que están, unha muller a axeitar os cultivos na fresca da mañá e pouco máis. Coma noutros lugares, aquí crúzanse varios roteiros de menor percorrido, mais nós continuamos a senda marcada.
Cómpre subir de novo e malia estar por volta das dez da mañá a calor xa nos abafa. Non lonxe está o muíño de Vilamor que non visitamos e a ascensión transcorre amparada do sol, o que nos salva, ollando no noso avance diferentes perspectivas da igrexa de Vilamor que se alza no cumio da outra banda do río. Baixamos até a Ponte da Arrastradoira e principia outra ascensión que se nos fai moi dura, quizais non o sexa tanto mais a vaga de calor comeza a facer estragos nas nosas forzas e ameaza a nosa continuidade. Con máis de 30º e debemos estar moi cerca dos 40º non hai quen ande!!!
Con moito esforzo chegamos á aldea de Vilar, onde está o curioso Museo Etnográfico de Juan de Vilar, que xuntou apeiros de labranza e adecentou boa parte de aldea con construcións de madeira. Lobato escoita as diatribas dos veciños contra o Parque Natural do Courel, cos consabidos argumentos de que se protexen lobos ou osos e non as persoas que aló viven todo o ano.
Deixamos a aldea e apañamos unhas cereixas ben saborosas dunha árbore, na saída visitamos a cercana capela de San Roque, na que entramos, e o castro de Vilar, conxunto ben conservado a escasos metros nun outeiro, antes de baixar de novo nunha senda difícl cara á Ponte do Vao.
E finalmente outro ascenso até chegarmos a Froxán (km. 43 do roteiro). De aquí en diante só restan 25 km., que os organizadores dividen en dúas etapas, mais a vaga de calor vai en aumento, hai alerta vermella e decidimos poñer punto final para non arriscar a nosa saúde. Descansamos un pouco en Froxán até que unha amable muller (sempre atopamos boa acollida na xente) nos achega até o lugar de Vilamor, no alto do cumio, á casa do Comerciante onde imos xantar e logo o dono, que é taxista e leva o transporte escolar, nos achegará até Labrada (A Pobra do Brollón) na beira na estrada N-120, onde Mar virá recollernos.
Antes da baixada por aqueles cumes tesos e menos provistos de vexetación, demos conta dun xantar delicioso no que, logo duns embutidos caseiros e unha ensalada, o prato estrela foi o xabaril con castañas. Un xantar opíparo, unha boa enchenta, mais naquela altura xa tiñamos decidido non continuar e aquilo foi a nosa festa!!! Algún día, de primavera ou de outono, haberá tempo para darlle cabo a este Roteiro do Río Sor, que malia algunhas dificultades resultou unha magnífica e moi recomendable experiencia viaxeira.

Esta entrada foi publicada en Arte, Historia, Poesía, Roteiros, Tradicións. Garda a ligazón permanente.