Tamén é o aniversario de Pablo Neruda…


E hoxe tamén é o aniversario de Pablo Neruda. As últimas horas do poeta aquel 23 de setembro de 1973 están narradas nesta ligazón. Neruda é un poeta que xerou e aínda xera controversias e mesmo citar a súa obra mesmo chegou a non estar moi ben mirado entre os escriben hoxe en día. Para min segue a ser un poeta enorme. Certo é que non teño a paixón polos seus versos que tiña na adolescencia ou que valoro moito máis outros textos da súa autoría que aqueles que veneraba nesa altura. E podo dicir que lin toda a súa obra e os seus testemuños, e moito escoitei os seus versos gravados coa súa propia voz (non o considero un bo dicidor ou recitador) e tamén na de moitos músicos, entre eles sempre me acompañaron Olga Manzano y Manuel Picón. No video que subín interpretan “La tierra“, un texto do libro Los versos del capitán (cuxa 1ª edición imprentouse en Napoli en 1952). Alén diso, nunca fixen uso dunha cita nerudiana nos meus propios poemas, porén o nome de Neruda aparece na derradeira estrofa deste que incluín en Abecedario da desolación (Espiral Maior, 1997).
Tenho os olhos fechados de abertos de ternura.
António RAMOS ROSA
XIX
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
e dun amor de zume de flores e de abellas,
de meles e de labios, de xineceos de auga,
de lúbricos carpelos, de linguas de saliva,
de corpos de mareas das noites e dos días.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero este amor é soño de nada, que se espreme
no zume de laranxas dunha mañá calquera
mentres as flores murchan, esquecín deitar auga
nos xineceos secos desta veloz cidade.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
do mel que pousou a modo no vaso dos meus labios
e no café con leite dos meus amores breves
cos titulares frescos do xornal, mañanciña
lúbrica de chuvascos, de carpelos paraugas.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
de corpos que se cruzan sen rozar no desexo,
de mareas humanas que soben e que baixan,
de noites nas legañas, de semáforos verdes
na precipitación dos días da semana.
teño os ollos pechados de abertos de tenrura
pero nego o lirismo dun libro de neruda
ou dun cantar de cego, teño lixo nos ollos,
un corazón de laca, gomina nas palabras,
mírome nun espello no que están case todos.

Esta entrada foi publicada en Música, Poesía. Garda a ligazón permanente.