Estúrdiga materia


Unha das intencións deste blogue é xuntar material disperso. Reproduzo a recensión que publiquei na revista Grial dun dos libros de poemas que máis me interesou nos últimos tempos na nosa literatura, Estúrdiga materia, de Luís “Che” González Tosar, o organizador da Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas e dos Artistas. A recensión principia así:
Confésolles que cando me chegou ás mans o último libro de poemas de Luís González Tosar, intitulado Estúrdiga materia, o primeiro que me chamou poderosamente a atención do novo libro non foi a magnífica ilustración da cuberta da autoría de Quintana Martelo, como o son tamén as cinco láminas que acompañan os textos, senón a sonoridade do título e a presenza dunha palabra «estúrdiga» que descoñecía, malia a miña boa formación como filólogo. De certo, este vocábulo mesmo non adoita aparecer nos grandes dicionarios da nosa lingua, polo que foi ao propio autor a quen lle escoitei explicar o seu significado, «áspera», e mesmo como a recolleu da oralidade, que neste país de nós aínda segue a ser labrega ou mariñeira. E esta foi sempre unha das características esenciais na poética do noso autor, a recuperación do noso léxico patrimonial, das vellas palabras da tribo, que en moitos casos mesmo nacen para o galego literario, esa construción moderna das escritoras e dos escritores, da man do Luís G. Tosar.
A recensión completa pódese ler na páxina poesiagalega.org

Esta entrada foi publicada en Poesía, Recensións. Garda a ligazón permanente.

Unha resposta en “Estúrdiga materia

  1. Pingback: As crebas » Cadernos de Mariñán, 4. VI Encontro de Escritores Galegos. Literatura e proxección exterior

Os comentarios están pechados.