Artigo en QPC (101): “a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño

(FOTO: Faro de Fisterra, 2003. De esquerda a dereita Modesto Fraga, Xosé Leira, Salvador García-Bodaño, Rosa Méndez e Alexandre Nerium)

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro. Desta volta para honrar a memoria do académico e poeta Salvador García-Bodaño que nos vén de deixar e para lembrar as súas lecturas poéticas en Fisterra e un dos seus poemas que se incluíu na antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra. Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño

Onte deixounos o académico e poeta Salvador García-Bodaño, un dos nosos “clásicos”, pois os seus versos e os dos seus compañeiros de xeración (esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’) fan parte das nosas lecturas e das de moitos poetas da miña promoción como outros grandes autores galegos e primeiros contemporáneos que lemos. Velaí a nos iluminar a obra de Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935) e o propio García Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín (1938) ou Arcadio López Casanova (1942).

Din os libros que Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo o 17 de xullo do 1935, no barrio operario e rebelde de Teis, contorna que escolleu para chantar un álamo, a súa árbore escolleita, no ciclo “O Escritor na súa Terra”, ao ser nomeado Socio de Honra da AELG, Letra E, en 2004. Porén, pódese dicir que Salvador é santiagués, pois a súa biografía persoal está moi ligada a Compostela, a cidade de pedra que tantos e tan fermosos versos ocupa no conxunto da súa obra. De feito, nese mesmo ano 2004 o Concello de Santiago de Compostela dedicoulle unha praza na parte nova de San Lázaro, que na miña opinión é un paradoxo para o seu alento de poeta clásico, se non for porque por ese lugar camiñan os peregrinos que queren chegar até a catedral.

Non é o lugar aquí para salientarmos uns datos biobibliográficos que nos levarían a encher moitos parágrafos sobre a súa obra, nomeadamente a poética, xa que publicou:
Narrativa: Salientando Os misterios de Monsieur D´Allier (1992), Premio da Crítica Española en 1993 e os contos “A pedra”, “Conto de Reis”, “O mosteiro”, “Ruth”, “O Sinatra”…
E noutros xéneros: Mantivo unha columna dominical en El Correo Gallego, intitulada “No pasar dos días”. Tamén publicou De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), diversos estudos sobre pintores e varias traducións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow.
Poesía: Os seus versos están incluídos nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidos ao árabe, catalán, francés, inglés, italiano, francés, portugués, ruso e sueco, catalán.
Ao pé de cada hora (1967). Premio da Crítica Española en 1969.
■ Tempo de Compostela (1978), Premio da Crítica Española en 1979.
37 debuxos para un país (1985), con debuxos de Felipe Criado.
Compostela (1989), con augafortes do pintor noiés Alfonso Costa.
Obra poética (1993), compilación da súa obra, que inclúe dous inéditos (Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días).
Pegadas no alcatrán (Encomio da banalidade) (1994) é unha plaquette, da que tan só se tiraron 99 exemplares numerados.

Cidade Virtual (2003), libro publicado en formato dixital pola BVG (Biblioteca Vitual Galega).
■ E finalmente Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002) (2004), con debuxos de Pepe Carreiro.

Porén, nesta anotación de urxencia para despedir a Salvador García-Bodaño, quixera lembrar aquí dous testemuños da súa relación coa Costa da Morte, e con Fisterra en particular.

En primeiro lugar, como mostra da súa xenerosidade, a súa participación nun dos recitais que anualmente convocaba a iniciativa «Aulas no Camiño» da Universidade da Coruña, artellada polo lembrado poeta e amigo xa finado Xosé Leira López (1951-2019) e pola profesora e poeta Rosa Méndez Fonte. Naquelas xeiras que se realizaban a final de cada curso, aló polo mes de xullo, o alumnado participante facía etapas dalgún dos diversos camiños que levan a Santiago de Compostela e sempre con prolongación até Fisterra, mesmo aínda cando a igrexa non recoñecía este itinerario, hoxe non o fai aínda co trazado histórico. Daquela desenvolvíanse sempre actividades culturais e literarias paralelas e unhas delas viña sendo un recital de poesía que adoito tiña como escenario o faro de Fisterra.

Pois ben, o 15 de xullo de 2003 a clausura poética foi por conta dos dous poetas mencionados, dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, e como convidado de honra Salvador García-Bodaño (fotografía superior), que recitaron baixo a epígrafe “Poemas e mar de fondo”. Regresou na edición de 2005, na que tamén estivo o poeta Bernardino Graña.

E en segundo lugar, lembraremos a súa tamén xenerosa achega aos textos que conforman esa monumental antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, que coordinou o noso poeta amigo Alexandre Nerium e da que xa falamos en QPC (nesta ligazón). O poema foi escrito de maneira expresa para esta colectánea a pedimento do poeta fisterrán.

Como un Poeta nunca morre de todo, velaquí o seu poema.

E que a Terra che sexa leve, compañeiro!

a morte do sol

en Fisterra

fronte de min o mar da fin da terra

o camiño secreto do pretérito

vén da foresta mítica dos séculos

e córtase de pronto

nos rochedos

riba do fondo abismo das escumas

gris brancas

as gaivotas

alá abaixo

trazan

por entre a brisa do solpor

seus últimos voares de salitre

no litoral

do espazo interminábel

na conca primitiva da mirada

xorden medos antigos

como sombras

e a inmensidade arríncame os ollos

que caen polos cantís

cara ás rompentes

vai o sol afundíndose no mar

no medio dos fulgores do silencio

e as augas

viran negras como a noite

augas de tantas ansias e saudades

ténsase no horizonte o misterio

e arde o confín do ceo

na distancia

cara ás tebras eternas do universo

a ara dos sacrificios deita o sangue

da luz a burbullóns

na atardecida

Esta entrada foi publicada en Antoloxías, Biografía, Obituarios, Poesía, Roteiros. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta