Artigo en QPC (C): No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na revista portuguesa A Águia

Veño de publicar unha nova colaboración en QuepasanaCosta. Diario dixital da Costa da Morte, que dirixe Ubaldo Cerqueiro, que fai o número cen desde aquel primeiro artigo publicado en abril de 2016 e que se pode ler aquí. Desta volta para lembrar dous poemas que o poeta muxián Gonzalo López Abente publicou hai cen anos na revista portuguesa A Águia (Porto). Velaquí o texto que tamén se pode ler nesta ligazón.

NO CENTENARIO DE DOUS POEMAS DE GONZALO LÓPEZ ABENTE NA REVISTA PORTUGUESA A ÁGUIA

«De 1923 tamén é a súa primeira publicación nunha revista portuguesa, moi frecuentada polos autores galegos, trátase de A Águia, onde vai aparecer o seu poema “Iñoranza”, á que vai seguir “Como ti queiras”, poema publicado no núm. 6 da revista Tríptico de Coimbra».

Velaí a anotación que escribín no Limiar da Poesía Completa de Gonzalo López Abente que se publicou en 2013, hai unha década, na colección Opera Omnia das edicións Espiral Maior, selo dirixido polo poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, unha compilación realizada por encomenda dos meus compañeiros da extinta Fundación Gonzalo López Abente.

Nesa altura a revista A Águia non estaba dixitalizada e era a referencia que eu manexaba. Porén desde hai un tempo pódense consultar libremente a totalidade dos números desta lonxeva publicación literaria (nesta ligazón http://ric.slhi.pt/A_Aguia/revista), por iniciativa do Seminário Livre de Histórias das Ideias da Universidade Nova de Lisboa, e cando abrín o número no que colaborou o poeta muxián a sorpresa foi maiúscula pois ademais do soneto «Iñoranza», na páxina 40 e do que xa tiña noticia, tamén se incluía outro soneto intitulado «Despida», na anterior páxina 39, tal e como testemuñan as imaxes que acompañan este artigo, onde tamén se pode observar a gralla na sinatura dos poemas que aparece como Gonçalez Abente. O poeta muxián Gonzalo López Abente incluíu estes dous poemas no seu sonetario D’Outono (A Coruña: Editorial Ronsel, 1924).

A Águia. Revista bimensal de literatura, arte, sciência, filosofia e crítica social, aínda que despois tamén tivo periodicidade mensal e ás veces irregular, publicouse no Porto, entre 1910 e 1932, como órgano do movemento cultural e literario autodenominado a Renascença Portuguesa. Nas súas páxinas colaboraron varios escritores galegos do momento e cando o fai Gonzalo López Abente, no número dobre 17-18 (Novembro e Dezembro de 1923), estaba dirixida por Leonardo Coimbra e António Carneiro. Co primeiro, filósofo de prestixio, o poeta muxián debeu manter algunha correspondencia epistolar (da que non se conserva testemuño, aínda que si a temos do portugués con Risco, conservada na Fundación Vicente Risco) e froito desa amizade é que no citado libro D’Outono o soneto intitulado «Rosalía» leva a dedicatoria: A Leonardo Coimbra.

Velaquí os dous poemas no libro D’Outono, para compararmos cos versos publicados na revista. Entre as dúas versións non hai apenas mudanzas lingüísticas, en «Despida» uns acentos e en «Iñoranza» a máis salientable é mágua e d’agua na revista por mágoa e d’ágoa no libro.

DESPIDA

Muller xentil, arrescendente rosa,

botón de fror, ensoño feiticeiro;

raiola vesperal d’outo luceiro,

e linfa da fontela rumorosa.

Fada resprandecente, linda diosa,

derrubeime âs tuas prantas prisioeiro

en busca do feitizo derradeiro

a que aspira a nosa alma desexosa.

E cando as miñas mans fono tirando

das galas en que estabas envolvida,

e foron os meus ollos contemprando

a miseria da carne corrompida,

mudo de pena e de dolor tremando,

vin a verdade diante min despida.

IÑORANZA

Amada miña, câl de frol galana

arrescendín o teu prefume soave;

a ti apreixado en ilusoria nave

o mar crucei da xuventú louzana.

Do teu amor na fonte soberana

bebín devoto, repousado e grave;

voiéi no ensoño, como voia unh’ave

no azul imenso da rexión lonxana…

I-hoxe, adourada, cando volvo a verche

entendo que non puiden conocerche,

i-esta iñoranza no meu peito é mágoa,

por que ês pra min, linda muller que abrazo,

coma un microbio n-unha pinga d’ágoa

ou unha estrela no infinito espazo.

Esta entrada foi publicada en Efemérides, Poesía. Garda a ligazón permanente.

Deixa unha resposta